O Goberno concede a Reganosa a autorización para a regasificadora de Mugardos

O pasado mes de decembro obtivo a declaración de impacto ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

O Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu a Reganosa a autorización administrativa para a terminal de gas natural licuado (GNL) de Mugardos, no porto de Ferrol. Despois de obter en decembro de 2020 a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable, acaba de recibir a subseguinte autorización administrativa, documento que substitúe a outro de xullo de 2016 con base no cal as instalacións operaban ata o momento.

En xullo de 2019, o Tribunal Supremo declarou nula a exención do trámite de avaliación de impacto ambiental que acordou o Consello de Ministros de 27 de maio de 2016, co Goberno de Mario Rajoy en funcións, respecto desta terminal. Así, deuse cumprimento a esta sentenza con esa autorización.

Antes de emitir esta autorización administrativa, Transición Ecolóxica solicitou informes á Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Defensa, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e o Concello de Mugardos. Ademais, tivo en conta a DIA, para cuxa elaboración a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental solicitara a opinión de 95 administracións, organismos e colectivos.

Así mesmo, avaliou alegacións positivas e negativas, estas últimas presentadas por unha asociación sen que delas se desprendan elementos que desvirtúen a tramitación realizada e a plena adecuación a dereito da mesma. Despois de todo iso, conclúese que Reganosa acreditou suficientemente os requisitos esixidos pola lexislación.

Reganosa deberá seguir as medidas preventivas, correctoras e compensatorias que prevé a autorización, tras implantar gran parte delas, con distintas intensidades, ao funcionamento ordinario das instalacións ou ben ao seu programa de responsabilidade empresarial.

VALORACIÓN AMBIENTAL

Entre outras cuestións, o documento ambiental do pasado decembro determinou que a calidade das augas non variou tras a construción da planta, mentres recollía que a socioeconomía da zona se beneficiou do proxecto. Ademais, esta declaración ambiental sostiña que a vertedura da planta non afecta nin á composición nin á estrutura das comunidades bentónicas situadas nas inmediacións da terminal, despois de que varios colectivos mostrasen a súa preocupación sobre a influencia en bancos marisqueiros.

Instalacións de Reganosa no Porto de Ferrol. REGANOSA - Arquivo
Instalacións de Reganosa no Porto de Ferrol. REGANOSA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta