“Negro de merda, volve ao teu país”: máis de 150 casos racistas foron denunciados en Galicia no 2020

SOS Racismo Galicia alerta da "proliferación de discursos do odio" contra as persoas migrantes e racializadas, que se materializan en discriminacións no eido laboral, da saúde ou da vivenda.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

Lucía tiña unha veciña que a increpaba constantemente con insultos como “es do Congo”, “parecedes monos” ou “como vas ter ti os mesmos dereitos ca min, que son branca”. John non puido xogar tranquilo aquela tarde no parque porque topou cun grupo de adultos que lle dixo “negro de merda” e “animal, volve ao teu país”. Hassan, menor de idade, foi detido en Compostela no medio dunha “violenta” actuación por parte dos policías, apenas dous meses despois do asasinato de George Floyd. Aline tivo que pagar unha factura de 3.000 euros no hospital por dar a luz á súa pequena. A Mamadou negábanlle a tarxeta sanitaria no Servizo Galego de Saúde. A Andrea non quixeron alugarlle unha vivenda polo simple feito de ser colombiana. 

Manifestación tralo asasinato de George Floyd
Manifestación tralo asasinato de George Floyd | Fonte: EFE

Estes son algúns dos testemuños que recolle o informe sobre racismo e xenofobia en Galicia no ano 2020 que vén de presentar a organización SOS Racismo Galicia. Nun ano marcado pola pandemia, os casos de discriminacións ou vulneracións dos dereitos humanos que chegaron ata as Oficinas de Información e Denuncia (OID) desta asociación ascenderon a un total de 154. Mais dende SOS Racismo matizan que os datos que no informe se recollen “tan só son unha pequena parte dos episodios de discriminación que sofren as persoas migrantes e/ou racializadas” en Galicia, un país ao que “hai que desmitificar como non racista”, din. A normalización destas condutas, que fai que as propias persoas que as sofren non as identifiquen, xunto coa “alta reticencia a denunciar”, son factores que xogan a favor da invisibilización da realidade do racismo.

DISCRIMINACIÓN NAS OFICINAS BANCARIAS, NO ACCESO A SAÚDE OU VIVENDA

Estar nunha situación administrativa irregular contribúe “a un maior risco de vulneración de dereitos ou discriminacións”, indica SOS Racismo. De feito, o 55% das persoas que denunciaron correspóndense con este perfil. Segundo a orixe, ata un 60% delas proceden de América Latina, seguidas dun 17% de persoas de África Subsahariana, un 13% do Magreb e un 8% do Estado español. No que respecta á distribución das denuncias ao longo do territorio galego, A Coruña encabeza a lista de provincias onde se documentaron máis casos de racismo e xenofobia, seguida de Pontevedra e Lugo, mais estes datos están “condicionados polos medios cos que contan as propias oficinas de denuncia”, sinala SOS Racismo.

“A maior parte das denuncias gardan relación con condutas discriminatorias no acceso aos servizos privados”, recolle o informe, que supoñen un 33% das denuncias. De preto séguelle o racismo institucional, que é causa dun 27% dos casos sinalados. Outro 17% deles producíronse por denegacións de acceso a servizos públicos e un 11% por discriminacións laborais. As demais denuncias producíronse por discursos de odio, conflitos e agresións racistas en espazos públicos. “O incremento preocupante da denegación de acceso a servizos privados evidencia canto traballo queda por facer na concienciación e pedagoxía da cidadanía”, argumenta SOS Racismo no informe. “Observamos como se van coando e enraizando os prexuízos racistas e xenófobos na poboación, que se traduce nas denuncias recollidas”.

O informe engade igualmente a distribución de porcentaxes entre os axentes discriminadores: o 46% das condutas racistas foron iniciadas por unha entidade pública ou funcionariado; no 34% dos casos tivo que ver cunha entidade privada; e nun 17% con persoas particulares. No acceso á saúde, por exemplo, SOS Racismo atópase “ano tras ano” con “tratos denigrantes ou discriminatorios” para as persoas migrantes e racializadas. "Seguimos vendo facturacións ás persoas en situación irregular, cando non procede, posto que se incumpren as disposicións do Programa Galego de Protección da Saúde Pública".

 

No acceso á vivenda e ao emprego sucede outro tanto do mesmo. “Á orde do día” están expresións do tipo ‘non alugo a persoas estranxeiras’. Moitas das denuncias teñen que ver tamén con denegacións de acceso a contas bancarias, unhas actividades básicas para desenvolver con normalidade o día a día de calquera persoa. “Ese crecente imaxinario colectivo que se está a crear, por medio dos discursos nas redes e nos medios de comunicación, provoca que moitas persoas vexan infrinxidos os seus dereitos nestes ámbitos ou nas propias relacións persoais que se producen no seo da sociedade”, sinala o informe.

 

NORMALIZACIÓN DOS DISCURSOS DO ODIO

A asociación 'Resistencia en terra allea' tamén alerta da "normalización dos discursos do odio e da presenza da extrema dereita nas institucións, espazos mediáticos e rúas". Isto tradúcese de maneira directa, segundo explican nun artigo do informe, no aumento das "redadas racistas" e identificacións arbitrarias por parte da policía; e na "criminalización das infancias migrantes". Por iso mesmo, "fronte á normalización do fascismo e do racismo, das violencias cotiás contra as vidas das persoas migradas, refuxiadas e racializadas", o movemento antirracista galego deixa claro que "o único que cómpre normalizar nunha sociedade verdadeiramente democrática e na que prime a xustiza social son os dereitos humanos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta