Os controis policiais intensificaranse coas novas restricións pola repunta da pandemia

Fegamp e Goberno central piden á Xunta participar das decisións. A Xunta lembra que os botellóns están prohibidos e avisa: actuarase con "contundencia" e haberá "multas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2021 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Os controis policiais para que se cumpran as novas restricións da Xunta, como precintar zonas públicas asociadas ao botellón ou para o lecer nocturno, vanse a intensificar; pero os concellos galegos e a Delegación do Goberno queren participar nos órganos de consulta e de toma de decisión dado que as medidas que se aproban fronte á pandemia lles afectan.

Praia precintada en Sanxenxo con motivo da pandemia.
Praia precintada en Sanxenxo con motivo da pandemia. | Fonte: Europa Press

Así o ratificaron, tras un encontro de coordinación, o delegado do Goberno, José Miñones, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela.

En concreto, tras o encontro, Miñones anticipou a intensificación dos controis da Policía Nacional e a Garda Civil sobre as restricións impostas pola Xunta vinculadas á covid-19.

Segundo incidiu, a reunión deste venres busca "coordinar para o fin de semana" a maneira de abordar as novas restricións fixadas pola Administración autonómica. Ao tempo, fixo un chamamento ás persoas non vacinadas (fundamentalmente a poboación máis nova) "a ter responsabilidade á hora de saír á rúa" e a "facer uso do lecer nocturno de forma segura".

Pero ao tempo, Miñones esixiu que a Xunta incorpore á Delegación e á Fegamp nos órganos de consulta e toma de decisión antes de aprobar restricións que afectan a operativos policiais. Tamén demanda información da Policía Autonómica para facilitar a coordinación entre dispositivos.

En todo caso, Miñones e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, constataron a "boa coordinación" entre Policía Nacional e Garda Civil coas policías locais, tamén con patrullas mixtas.

Varela tamén garantiu un esforzo para, ben mediante patrullas mixtas ou unha distribución adecuada do territorio, "tratar de chegar a todo" o que se pide desde a Administración autonómica, no que respecta ao control de parques, praias e outros espazos públicos.

Pero tamén insistiu en que é necesario que tanto os concellos como o Goberno sexan "partícipes" no proceso de toma de decisións.

"Se somos os que temos que controlar, o lóxico é que non só sexamos receptores da mensaxe, senón que participemos activamente e que se nos escoite para ver se podemos controlar todo o que se nos está pedindo", advertiu.

MULTAS POR BOTELLÓNS

O Executivo autonómico ratificou que as forzas da orde "extremarán a vixilancia" estA fin de semana para evitar concentracións prohibidas de persoas en rúas, prazas ou parques, e para vixiar o cumprimento das medidas estipuladas para o lecer nocturno en Galicia.

O vicepresidente Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu este venres a Sala de Control de Operativos (Sacop) nunha reunión na que participaron os xefes das policías locais do sete cidades galegas, ademais da de Vilagarcía, así como responsables da Policía Nacional e da Garda Civil.

Nese encontro, fíxose balance do dispositivo despregado a semana pasada e coordinouse o desta fin de semana tendo en conta as novas medidas acordadas pola Xunta atendendo ás recomendacións do comité clínico.

Así, as forzas da orde extremarán a vixilancia para evitar concentracións de persoas de noite en espazos públicos como prazas, praias ou xardíns, e sempre que sexa posible, precintarán ou valarán o seu acceso para impedir a entrada.

En todo caso, os axentes "actuarán con contundencia" para garantir que non se quebranten as normas, asegurou Rueda.

O vicepresidente primeiro insistiu en que o botellón está prohibido e en que se seguirá sancionando a quen participe destas concentracións nas rúas, con multas que van ata os 300 euros por persoa. Lembrou, ademais, que o uso da máscara segue sendo obrigatorio sempre que non se poda manter a distancia social.

Os botellóns son a terceira causa máis común nas denuncias presentadas polos concellos pequenos e medianos que tramita a Xunta, cun balance total de máis de 1.200 sancións cobradas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta