Estas son as causas polas que algúns pacientes con covid-19 teñen que ser reingresados

Un 4,2% dos infectados que recibiron a alta hospitalaria tiveron que ser readmitidos por complicacións durante a primeira onda, segundo un novo estudo estatal con participación galega. Especialistas da Unidade de Dor Crónica do CHUVI explican como tiveron que adaptar este servizo por mor da pandemia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/07/2021 | Actualizada ás 21:56

Comparte esta noticia

A recaída na covid-19 é posible, aínda que pouco frecuente. Un traballo asinado por 25 investigadores, con representación galega, determina a proporción de pacientes con COVID-19 que tiveron que reingresar no hospital, as causas máis comúns e os factores asociados á readmisión. A idade avanzada e as comorbilidades asociáronse cun maior risco de reingreso hospitalario.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

Os investigadores realizaron un estudo multicéntrico de cohorte a nivel estatal en España con datos de ingresos en 147 hospitais, desde o 1 de marzo ao 30 de abril de 2020. A readmisión dos enfermos de covid-19 definiuse como un novo ingreso hospitalario durante os 30 días posteriores á alta, excluíndo os que foron atendidos nos servizos de urxencias pero que non ocuparon camas.

“A taxa de readmisión despois da alta hospitalaria por COVID-19 foi baixa”, destacan os investigadores

Durante ese período de estudo ingresaron 8.392 pacientes nos hospitais da rede SEMI-COVID-19, un rexistro en liña desenvolvido pola Sociedad Española de Medicina Interna (SEMI) que inclúe un número extenso de parámetros epidemiolóxicos, clínicos, de tratamento, de laboratorio e  radiográficos, que se obteñen das historias clínicas electrónicas dos pacientes hospitalizados con infección por SARS- CoV-2 confirmada por laboratorio dos hospitais españois. Eses pacientes representan aproximadamente o 10% dos enfermos ingresados ​​en España por covid-19 durante ese período de tempo.

Os autores do estudo analizaron os datos demográficos, clínicos, epidemiolóxicos, de laboratorio e de diagnóstico por imaxe dos participantes durante o primeiro e segundo ingreso hospitalario obtidos da base de datos do rexistro. Tamén se examinaron o tratamento recibido, as complicacións e o progreso clínico.

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Dos 8.392 pacientes ingresados, 7.137 recibiron a alta nalgún momento e, destes, 298 (4,2%) foron readmitidos despois por complicacións.

Ademais, 1.541 (17,7%) faleceron tras o primeiro ingreso e 35 morreron durante a readmisión hospitalaria (11,7%).

Dos 6.839 pacientes que recibiron a alta con vida e non foron readmitidos, 50 faleceron durante o primeiro mes despois da alta (0,73%).

Nos pacientes que tiveron que ser reingresados, o tempo medio desde a alta hospitalaria e a readmisión foi de 7 días.

“A taxa de readmisión despois da alta hospitalaria por COVID-19 foi baixa”, destacan os investigadores, que sinalan que “a idade avanzada e a comorbilidade se asociaron cun maior risco de readmisión”.

As causas máis frecuentes de readmisión hospitalaria foron o empeoramento da pneumonía previa (54%), a infección bacteriana (13%), o tromboembolismo venoso (5%) e a insuficiencia cardíaca (5%).  A insuficiencia renal aguda, as complicacións neurolóxicas ou psiquiátricas e a hemorraxia grave tamén foron causas de readmisión, aínda que menos común.

"Despois dunha mellora clínica inicial, un número pequeno pero significativo de pacientes empeora e require readmisión no hospital"

Máis detalladamente, ao comparar as características clínicas dos pacientes readmitidos cos que non, observouse que os primeiros tiñan unha media de idade maior (74 vs 65 anos) e unha comorbilidade máis grave.

Ademais, a duración dos síntomas en pacientes readmitidos (media de 5 días) foi menor que naqueles que non foron reingresado (7 días).

Por outro lado, unha maior porcentaxe dos pacientes que foron readmitidos recibiron tratamento con esteroides, en comparación cos que non foron readmitidos (38,3% fronte a 29,7%).

E a taxa de readmisión por pneumonía foi menor nos pacientes ingresados na UCI durante o primeiro ingreso (2%) que nos que non ingresaran en coidados intensivos (5,7%).

Segundo os seus autores, este é “o primeiro estudo multicéntrico sobre readmisións hospitalarias de pacientes COVID-19 realizado en España”.

Para eles, “o principal descubrimento foi que a taxa de readmisión hospitalaria foi relativamente baixa, coa metade dos readmisos ocorridos durante a primeira semana despois do alta hospitalaria”. E “a maioría deles foron por empeoramento respiratorio”.

Destacan tamén o feito de que “a idade e a comorbilidade (especialmente asma e EPOC) se asociou cun maior risco de readmisión”.

“Os nosos resultados indican que, despois dunha mellora clínica inicial, un número pequeno pero significativo de pacientes empeora e require readmisión no hospital. A taxa de readmisión neste estudo parece ser inferior á observada en pacientes ingresados ​​por outras razóns nos centros de medicina interna de España. Esta observación podería estar relacionada coa idade maior e a maior comorbilidade dos pacientes hospitalizados por razóns non relacionadas coa COVID-19 no noso país”, aclaran.

BOA XESTIÓN

Os expertos valoran que, “aínda que a ocupación hospitalaria media por COVID-19 en España roldou o 10% durante a primeira onda, non parece que houbese moitas altas precipitadas, tendo en conta a modesta taxa de readmisións”.

Neste sentido, consideran que “os criterios que se seguen normalmente para avaliar a alta hospitalaria en pacientes con infección respiratoria, como a desaparición da febre e a mellora da insuficiencia respiratoria, poden ser parámetros eficaces para a alta que aseguren unha baixa taxa de readmisión”.

Con base en todo isto, din ter “a impresión de que as recomendacións establecidas en China ao comezo da pandemia puideron ser excesivamente conservadoras (sen febre durante tres días, ademais dunha mellora clínica, analítica e radiolóxica) e puideron levar a unha prolongación innecesaria da estadía hospitalaria”, opinan.

Sobre as diferenzas detectadas na mortalidade de readmisións hospitalarias en pacientes con COVID-19 entre diferentes hospitais, cren que estas “se poderían xustificar polo grao de dificultade de ingreso de pacientes non críticos, que está relacionado coa presión sobre o sistema sanitario”.

En conclusión, estes investigadores consideran que o seu traballo “podería axudar a recoñecer pacientes con alto risco de readmisión, o que permitiría establecer estratexias durante o ingreso no índice e despois da alta para reducir a frecuencia destes episodios”.

Os resultados do estudo veñen de ser publicados na revista Scientifc Reports, editada polo grupo Nature. Está asinado, entre outros, por Santiago Jesús Freire, Paula María Pesqueira e Carmen Mella, dos departamentos de Medicina Interna do Hospital Universitario da Coruña, Hospital Clínico de Santiago e do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

ADAPTAR UN SERVIZO Á COVID-19

Doutra banda, membros da Unidade de Dor Crónica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) explican como tiveron que adaprtar este servizo ao estado de alarma motivado pola pandemia de covid-19, que obrigou pospoñer ou cancelar “todos os procedementos ambulatorios e as visitas dos pacientes á unidade de dor”. “Isto afectou á atención do paciente con dor crónica. Na nosa unidade de dor tratamos de minimizar esas consecuencias”, explican.

As adaptacións permitiron que a actividade da Unidade de Dor Crónica do CHUVI se realizase “sen suspensións nin demoras na atención” e “evitaron desprazamentos innecesarios"

As adaptacións, que explican na Revista de la Sociedad Española del Dolor, permitiron que a actividade desta unidade durante a pandemia se realizase “sen suspensións nin demoras na atención” e “evitaron desprazamentos innecesarios á consulta presencial, mellorando a organización da axenda hospitalaria, optimizando os niveis de prioridade e con alto grao de satisfacción dos pacientes”.

Estes especialistas lembran que “durante o estado de alarma pola pandemia SARS- CoV-2, iniciado o 14 marzo de 2020, os hospitais españois estiveron saturados, desbordados algúns, ante unha situación inesperada, que requiriu dun gran esforzo coordinado para poder asumir a carga de traballo”.

A situación levou a un aumento exponencial de pacientes covid-19, “con moi pouco tempo de reacción, en cuestión de días e, para poder atendelos, moitos servizos hospitalarios modificaron os seus circuítos de traballo”, recordan.

Neste contexto, destacan que “as unidades de dor, maioritariamente integradas dentro dos servizos de anestesia, foron dos servizos que sufriron gran impacto nesta pandemia”.

Un “marco excepcional”, din, no que a Unidade de Dor Crónica do CHUVI tentou “optimizar os seus recursos, sopesando o risco-beneficio para os pacientes: acudir ás consultas para ser atendidos, co risco potencial de contaxio, ou postergar a asistencia sine die”.

Así, o persoal desta unidade, tomou unha serie de decisións tendo en conta que “eran cuestións prioritarias tanto a seguridade do paciente para non contaxiarse como a súa asistencia médica”. Decidiuse, por tanto, suspender as citas presenciais e realizar valoración clínica mediante consulta telefónica, deixando só para casos prioritarios a asistencia presencial.

“A nosa experiencia previa en teleconsulta con médicos de atención primaria facilitounos o inicio desta nova andaina”, exponen os integrantes desta unidade, na que se realizan anualmente máis de 10.000 actos médicos, e o número de pacientes, advirten, “crece exponencialmente cada ano”.

“Con este volume de pacientes, o atraso nas consultas ía supoñer un aumento inasumible da carga asistencial tras o estado de alarma, sumado ao período estival, onde as vacacións do persoal obrigan a reducir o número de consulta. Ademais, o acceso á Unidade de Dor Crónica está limitado fisicamente debido ás características arquitectónicas do edificio. Esta situación supuxo un reto para todos e deunos a oportunidade de lograr adaptarnos a situacións adversas. Permitiunos reformularnos algunhas cuestións sobre cal é a mellor forma de realizar a valoración clínica dos nosos pacientes”, explican.

Os cambios realizados na actividade asistencial incluíron, por un lado, que todos os pacientes que estaban citados nas consultas durante o estado de alarma fosen valorados por un médico especialista en dor por vía telefónica. Nesa chamada, detallan, eran informados do risco de contaxio polo desprazamento ao hospital, e ofertóuselles a posibilidade de asistencia telefónica.

Nos casos que se puideron resolver por consulta telefónica, valorouse clinicamente os pacientes e se lles pautou un tratamento coas súas recomendacións, citándoos para unha consulta sucesiva no prazo que considerou o médico responsable, informan.

Pero cando o paciente, de forma libre e voluntaria, preferiu ser asistido de forma presencial, se lle informou das recomendacións oficiais e de que se lles daría unha cita no prazo considerado pertinente polo seu médico e condicionado pola pandemia.

Todas as revisións e primeiras consultas de pacientes, durante o período de alarma, realizáronse “sen apenas causar atraso na atención”

Nos casos nos que se precisaba a realización dunha técnica intervencionista, tras priorización, citóuselles de forma presencial para un día e hora concretos, evitando a presenza de máis de catro persoas na sala de espera da unidade.

Así mesmo, foron citados de forma presencial, tras valoración inicial telefónica, todas as primeiras consultas e revisións que precisaban de exploración física exhaustiva para tratar de axustar o máis posible o diagnóstico do paciente, ademais das solicitadas como presenciais polos pacientes.

Desta forma, explican os membros desta unidade, todas as revisións e primeiras consultas de pacientes, durante o período de alarma, realizáronse “sen apenas causar atraso na atención”.

O grupo da Unidade de Dor Crónica viguesa valora que “todos estes cambios permiten diminuír a ansiedade e a preocupación dos pacientes pola súa enfermidade crónica e observan que o profesional médico está pendente do desenvolvemento e a evolución da súa dor”. Tamén salientan que “se evita a ansiedade que a moitos deles lles producía a exposición no hospital”.

Ao comparar os datos de asistencia cos do mesmo período do ano anterior (en 2019), durante o estado de alarma da primavera de 2020 só se reduciu a actividade asistencial un 20 %, concretamente, 1.464 actos médicos do 14 de marzo de 2020 ao 25 de maio de 2020, fronte a 1.960 no mesmo período do 2019, segundo datos oficiais.

Destacan tamén que se atendeu presencialmente todos os pacientes urxentes que precisaban visita médica e afirman que non se reprogramou ningunha cita automaticamente. “Realizóuselles técnica intervencionista se así o precisaban”, engaden os sanitarios, que subliñan que “todos os pacientes” desta unidade “foron informados por un médico e, conxuntamente co paciente, decidiuse a mellor opción, valorando en todo caso o risco-beneficio”.

Na Unidade de Dor Crónica do CHUVI aseguran que “os pacientes, en xeral, mostraron estar moi satisfeitos coa atención telefónica realizada polo persoal médico e, no caso de citas de revisión, agradeceron evitar acudir”. Con todo, para estes especialistas, “sería conveniente realizar unha enquisa de satisfacción” entre os usuarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta