A Xunta quere preservar o patrimonio do mar cun plan da cultura marítima

O traballo a realizar, no marco dunha colaboración entre a Xunta e a UDC, consistirá nunha investigación para establecer compromisos, liñas estratéxicas e accións para os próximos exercicios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2021 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o traballo que se realiza desde Galicia para preservar o patrimonio marítimo-pesqueiro con accións como o deseño do Plan da cultura marítima con horizonte 2030, que se realizará no marco dun convenio de colaboración asinado esta semana entre o departamento autonómico e a Universidade da Coruña. Este traballo abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo.

Así o sinalou durante a presentación do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará no porto de Moaña entre o 5 e o 8 de agosto e que este ano organizan, ademais da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), a Asociación Sueste e o Concello de Moaña coa colaboración da Xunta. 

Presentación do XV Encontro de embarcacións tradicionais. XUNTA
Presentación do XV Encontro de embarcacións tradicionais. XUNTA | Fonte: Europa Press

En canto ao plan da cultura marítima, o traballo a realizar no marco da colaboración entre a Xunta e a UDC consistirá nunha investigación dirixida polo profesor e experto na materia Óscar Fuertes para definir as liñas de traballo principais establecendo compromisos, liñas estratéxicas e accións para os próximos exercicios.

Ao mesmo tempo crearanse grupos de traballo con expertos vinculados co sector do mar, coas principais asociacións da cultura marítima e outros axentes relacionados con este ámbito. O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2023 con opción de prórroga e conta con case 200.000 euros de financiamento da Consellería do Mar. A finalidade deste traballo é ter un plan da cultura marítima de Galicia vivo, que poida irse adaptando ás circunstancias e aos cambios que se produzan e, deste xeito, mellorar o coñecemento sobre o patrimonio vinculado ao mar e avanzar na súa conservación.

Ademais, a conselleira destacou o papel do órgano de xestión para as medidas de protección das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, contemplado na declaración como Ben de Interese Cultural, que hai uns días tivo a súa primeira reunión. Neste sentido, lembrou que a Xunta remitiu a este órgano as primeiras solicitudes para incluír bens no censo de embarcacións tradicións e barcos históricos. Entre outras funcións, este órgano ten como obxectivos informar sobre a pertinencia da incorporación de embarcacións ao devandito censo, así como propor o recoñecemento de mestres carpinteiros.

Estas actuacións, sinalou Rosa Quintana, forman parte da aposta do Executivo galego para protexer os valores culturais e marítimos da comunidade e constituirá unha parte fundamental da identidade do pobo galego, reforzando a súa protección e deixando un importante legado para as xeracións futuras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta