Os socialistas das Pontes deféndense de Caballero: "O noso obxectivo é chegar a 300 militantes"

A dirección de Gonzalo Caballero denuncia un "inflado fraudulento" de militantes na agrupación de Valentín Formoso.

Por Galicia Confidencial | As Pontes | 10/07/2021 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A dirección do PSdeG que encabeza Gonzalo Caballero denunciou un "inflado fraudulento" de militantes na agrupación das Pontes, liderada polo secretario provincial do PSOE coruñés e alcalde da localidade, Valentín González Formoso, que duplicou o seu censo.

Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero
Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero

Nun documento, con data de este venres e que a dirección galega traslada a Ferraz para o seu coñecemento, o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, asegura que do 28 de xuño ao 2 de xullo rexistrouse un incremento do 108% dos militantes, ao pasar de 111 afiliados a 231.

Pero a secretaria de Organización do PSOE das Pontes, Flor Lago, asegurou que a agrupación socialista "cumpre estritamente coas normas fixadas nos estatutos e regulamentos federais e segue todas as indicacións fixadas pola Comisión Executiva Federal para a incorporación de novos militantes".    Así mesmo, explicou que a agrupación pasou de 22 a 135 afiliados nos últimos anos e que, co plan de dinamización da agrupación local, segue crecendo co obxectivo de alcanzar os 300 afiliados en 2022.

"Hai que lembrar que contaba cun único concelleiro antes da chegada de González Formoso á candidatura municipal", sinala Lago, que subliña que actualmente o tamén secretario provincial do PSOE coruñés goberna con 12 dos 17 edís que conforman a corporación. "Isto conséguese facendo que o partido conecte coa sociedade", afirma.

"Chama a atención" que o partido "critique publicamente a algunhas agrupacións nas que crece a militancia e o número de edís", explica a secretaria, que sostén que a das Pontes "non é a única que está a crecer". "Están a facelo moitas máis agrupacións na provincia da Coruña, cumprindo o plan de expansión e crecemento da militancia" aprobado polo comité provincial.

Ademais, fontes do PSOE coruñés aseguraron que o actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén denunciou hai anos un incremento de militancia na agrupación de Vigo, cando disputaba o liderado da mesma contra o actual alcalde, Abel Caballero.

CONFLITO INTERNO

A dirección galega que encabeza Gonzalo Caballero e a estrutura provincial do PSOE coruñés manteñen un conflito interno que detonou coa destitución dunha edil da Coruña próxima ao político vigués por parte da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, afín a Formoso.

odo iso nun contexto no que o PSdeG elixirá a finais de ano a súa dirección e para a que voces internas apuntan a unha posible candidatura alternativa á de Gonzalo Caballero por parte da contorna do secretario provincial coruñés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta