Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2021 | Actualizada ás 18:30
Un total de 130 nadadores, procedentes de España e de países como México, Arxentina ou Portugal, participarán na terceira proba da segunda edición da 'Triple Coroa das Illas Atlánticas', que Galicia acollerá o próximo 4 de setembro. Os deportistas participantes nunha "das probas de natación máis duras e longas de Europa", terán que cubrir un tramo de augas abertas de 23 quilómetros entre A Illa de Ons --na praia de Cans-- e a localidade pontevedresa de Combarro, e que pasará ademais pola costa de Sanxenxo e Poio, así como pola illa de Tambo.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou este sábado en Vigo no acto de presentación do evento e sinalou que a proba "volverá contar co apoio loxístico e económico da Xunta de Galicia", que achegará algo máis de 10.000 euros. Vázquez indicou que, ademais da "innegable transcendencia" da proba desde o punto de vista deportivo, acontecementos deste tipo "teñen importancia tamén porque son un exemplo do equilibrio entre os usos posibles e compatibles coa protección dos espazos naturais".
Neste sentido, a titular de Medio Ambiente remarcou que a travesía servirá ademais como "escaparate para toda unha serie de actividades ambientais que se organizarán paralelamente", en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas "para poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial" do lugar.
Respecto deste programa, a Consellería informou nun comunicado de que se organizará unha ruta guiada para que os acompañantes dos deportistas poidan coñecer a fondo a contorna, así como unha batida de limpeza na praia de Cans, onde comezará a proba. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre os participantes no que se premiará ás tres instantáneas "máis orixinais e que mellor representen á illa".
TRIPLE COROA ILLAS ATLÁNTICAS
Esta proba, que comezará en setembro, é a terceira dentro da segunda edición da 'Triple Coroa Illas Atlánticas'. As dúas anteriores celebráronse en 2018, cunha travesía a nado de 15 quilómetros entre As Illas Cíes e Baiona; e en 2019, cando os participantes cubriron os 19 quilómetros que separan A Illa de Sálvora da localidade do Grove.
En 2020, a pandemia de coronavirus obrigou a suspender a que sería a terceira e última proba da competición que, tal e como destacou Medio Ambiente, "realizarase agora coas máximas garantías de seguridade e cumprindo cos correspondentes protocolos sanitarios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.