Máis dun milleiro de persoas reclaman "xustiza para Samuel" na Coruña

A manifestación percorre as principais rúas herculinas ao berro de 'Samu, irmán, nós non esquecemos' ou 'eu tamén son un marica de merda'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2021 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

Máis dun milleiro de persoas secundaron este domingo na Coruña a manifestación convocada por diversas asociacións LGBTIQ+ en repulsa da violencia LGBTIfóbica, e que serviu tamén para pedir xustiza para Samuel, o mozo de 24 anos que morreu tras recibir unha malleira na madrugada do pasado sábado.

A manifestación organizouse como protesta contra os delitos de odio contra o colectivo LGBTI e en Galicia tivo o lema 'Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza'. Segundo afirmara a organización, "está convidado todo aquel que queira participar en protesta e negación de calquera actitude violenta, poñedo foco especial na vivida polo colectivo". "Esta manifestación organízase para reclamar, simplemente, xustiza. Xustiza por todas as agresións que sofre o colectivo LGBT, e respecto ao feminismo e persoas racializadas, entre outras", explicou unha das organizadoras da protesta, Andie Sánchez, de Avante LGBT.

A protesta comezou ás 19,30 horas na Praza da Palloza e percorreu as rúas da cidade herculina ata finalizar na emblemática Praza de María Pita. Alí, tal e como sinalara a organización, reservouse un lugar diante do Concello para as persoas que, por motivos de diversidade funcional, o necesitasen.

Con lemas como 'Non son mortes, son asasinades', 'Samuel, irmán, non estás só' ou 'eu tamén son un marica de merda', a multitude avanzou pola Avenida da Mariña --onde recibiron o apoio de vehículos e autobuses que fixeron soar o claxon ao seu paso-- ondeando bandeiras representativas do colectivo, distintivos negros en sinal de loito pola morte de Samuel e diferentes pancartas nas que podía lerse 'o racismo peléxase, non se branquexa' ou 'Samu, irmán, nós non esquecemos'.

"Para acabar con isto o que fai falta é educación e saír ás rúas para que isto chegue aos altos estándares, á política, a todos", sinalou Andie Sánchez, que recalcou que a morte de Samuel foi o "detonante" de todo un movemento que reclama igualdade para o colectivo LGBTI. Respecto da morte do mozo coruñés, a secretaria de LES Coruña -outra das entidades organizadoras--, Begoña Lourido, quixo transmitir o seu apoio ás amizades e familia de Samuel: "O que pasou dóenos cada día, é inconcibible, inxustificable e intolerable. O colectivo LGBTI só reclama respecto, non nos metemos con ninguén".

Varios dos organizadores, entre eles Lourido e Alexandre Garrido, de Avante Liberdade, solicitaron unha regulación "non homofóbica", que "respecte" o colectivo LGBTI. "Non imos permitir que se dean pasos atrás na consecución de dereitos para o colectivo", asegurou Garrido, que criticou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, á que acusou de exercer unha "LGBTIfobia constante desde que entrou no Concello".

No transcurso da protesta, a única incidencia deuse cando un exaltado irrompeu no medio da multitude con proclamas en contra dos manifestantes, que seguidamente lle contestaron a un tempo: "Fóra fascistas dos nosos barrios". Finalmente, a Policía retirou este home do lugar.

PROTESTAS POR TODO O ESTADO

A deste domingo englóbase en toda unha serie de concentracións que se convocaron para este fin de semana por toda a xeografía do Estado e é, ademais, a segunda que se realiza esta semana, tras as multitudinarias concentracións do pasado luns. Ese mesmo día, na Coruña, miles de persoas abarrotaron a Praza de María Pita ao berro de 'Xustiza para Samuel'.

A concentración chega tras o paso a disposición xudicial o pasado venres dos seis detidos pola súa vinculación co crime de Samuel. A maxistrada titular do Xulgado de Instrución nº1 da Coruña decretou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, dos tres homes arrestados --por existir risco de fuga e de eliminación de probas--. Sobre eles pesará un delito de homicidio ou asasinato, algo aínda por determinar por parte da audiencia.

A muller arrestada, pola súa banda, foi posta en liberdade coa condición de comparecer no xulgado, mentres que os dous menores investigados, tras pasar a disposición xudicial na tarde dese mesmo venres, foron enviados a un centro de menores. Fontes policiais e da delegación do Goberno insisten en que "todas as liñas de investigación seguen abertas" e en que as pescudas "seguen o seu curso".

Concentración contra agresións LGTBfóbicas e en defensa de Samuel na Coruña. M. Dylan - Europa Press
Concentración contra agresións LGTBfóbicas e en defensa de Samuel na Coruña. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Justicia para Samuel, pero repugnante utilización política de un crimen por el que sus autores deben pagar. De nada sirvió que el padre pidiera que no se utilizará políticamente el crimen de su hijo