Prorrogado o prazo do terceiro plan de rescate ao presentarse tan só 4.200 solicitudes

Aínda hai un 70% de fondo dispoñible. A Xunta apela a unha rectificación do Goberno para non ter que devolver o diñeiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

A Xunta publicará este martes unha nova orde coa que prorrogará ata o próximo 30 de setembro o prazo para pedir as axudas do terceiro plan de rescate a autónomos e microempresas para facer fronte á crise derivada do coronavirus.

Ata o momento, a Xunta rexistrou unhas 4.200 solicitudes e máis do 70% dos fondos están dispoñibles, isto é, uns 170 dos 234 millóns de euros. O Goberno galego criticou por baixa a contía que lle consignou o Executivo central destes fondos, pero a dous días de que termine o prazo inicial, a demanda é escasa. Os dous primeiros plans de rescate da Xunta, dotados con fondos propios da comunidade, roldaron as 40.000 solicitudes.

Este luns en rolda de prensa, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, apelou a unha "rectificación" por parte do Goberno, xa que, segundo lembrou, o real decreto que regula estas axudas deixa "moi pouca marxe de manobra" ás comunidades.

Polo momento, segundo apuntou, a Xunta fai "as dúas únicas cousas" que pode: ampliar o prazo ata o 30 de setembro e flexibilizar "ao máximo" a caída de facturación que teñen que acreditar autónomos e microempresas, "para todas as actividades", ata o 30% (en 2020 respecto de 2019).

Son dúas medidas pactadas a semana pasada co diálogo social e a mesa de autónomos, segundo sinalou. En calquera caso, a titular de Emprego avisou de que "o problema de fondo persiste", pois "o escollo vén" do requisito que establece o real decreto segundo o cal os que pidan a subvención "teñen que ter débedas pendentes cuns prazos moi determinados".

"Isto estase convertendo nun obstáculo insalvable porque moitos fixeron esforzos e non teñen débeda pendente", chamou a atención a conselleira.

Mesas e cadeiras de terrazas recollidas nunha terraza. Foto de arquivo.. CONCELLO - Arquivo
Mesas e cadeiras de terrazas recollidas nunha terraza. Foto de arquivo.. CONCELLO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta