Galicia pecha xuño con 15 mortos en 13 accidentes, 12 máis que en 2020

Entre xaneiro e xuño de 2021 faleceron 40 persoas en 36 sinistros, fronte aos 21 mortos en 20 incidentes do primeiro semestre do ano anterior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A sinistralidade viaria aumentou en Galicia tras pechar xuño con 15 mortos en 13 accidentes de tráfico, que supoñen 12 vítimas máis que os tres rexistradas no mesmo mes de 2020 en tres sinistros.

Así se desprende dos datos facilitados este luns pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) relativos aos accidentes ocorridos en vías interurbanas de Galicia en xuño de 2021. Por provincias, o maior aumento corresponde á de Pontevedra, que contabilizou oito falecidos en seis accidentes en xuño de 2021, fronte a unha vítima nun sinistro no mesmo mes de 2020, o que supón un incremento do 700%.

Séguelle a de Lugo, con catro mortos en catro accidentes, fronte a unha vítima no mesmo mes de 2020, un 300% máis; e na da Coruña soben a dúas as vítimas en dous accidentes, mentres que en mesmo período do ano pasado non houbo sinistros mortais. E a de Ourense terminou xuño cunha persoa falecida nun accidente de tráfico, sen cambios con respecto ao mesmo mes do ano pasado 2020.

Dos sinistros mortais, sete foron colisións; catro, saídas de vía; un atropelo e un envorco, segundo o balance facilitado pola Dirección Xeral de Tráfico. En canto ás idades das vítimas, cinco tiñan entre 45 e 54 anos; tres, entre 15 e 24; e outro tres, entre 55 e 64 anos; mentres que dous situábanse entre os 35 e 44 anos e outras dúas eran maiores de 65 anos.

SEIS MESES

Entre xaneiro e xuño de 2021 faleceron 40 persoas en 36 accidentes de tráfico, fronte ás 21 vítimas en 20 sinistros rexistradas no primeiro semestre de 2020, que implica un incremento do 90,5% dos falecidos e dun 80% dos incidentes na rede viaria.

Por provincias, as da Coruña e Pontevedra concentraron cada unha 15 falecidos, que supoñen un aumento do 87,5 e do 200 por cento, respectivamente, ao pechar o primeiro semestre de 2020 con oito vítimas na primeira e cinco na segunda.

Pola súa banda, a provincia de Lugo rexistrou entre xaneiro e xuño de 2021 seis mortos en accidentes de tráfico, un 20% máis que as cinco vítimas do ano anterior; mentres que a de Ourense contabilizou catro falecidos, un máis (33,3%).

Accidente en Beade (Ourense).. GARDA CIVIL
Accidente en Beade (Ourense).. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta