O BNG insta a que as concesións hidroeléctricas caducadas pasen a xestión pública

"No caso galego, o sector enerxético ten un enrome valor estratéxico polo que representa no seu produto interior bruto (PIB) e máis por ser un factor relevante na produción industrial", sinala o deputado Néstor Rego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou na Cámara estatal iniciativas para pedir ao Goberno do Estado que, no prazo de seis meses, leve a cabo as modificacións lexislativas necesarias nas concesións hidroeléctricas para que volvan a mans públicas e garantir unha xestión pública e xusta dos recursos enerxéticos.

A iniciativa, da que informou a formación nun comunicado, ten como obxectivo que, nos expedientes de reversión coa caducidade da concesión, sexa autorizada a cesión gratuíta da explotación dos saltos a favor do territorio no que está construído. Así, pide que leven a cabo políticas públicas que favorezan o interese xeral e a competitividade económica para conseguir beneficios a favor do conxunto da sociedade.

"No caso galego, o sector enerxético ten un enrome valor estratéxico polo que representa no seu produto interior bruto (PIB) e máis por ser un factor relevante na produción industrial", sinala o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, que censura que, a pesar disto, Galicia "apenas conta con capacidade de decisión para deseñar e aplicar unha estratexia propia orientada a un aproveitamento endóxeno dos seus recursos enerxéticos".

De feito, sostivo que, ao longo dos anos, o territorio galego foi forzado a especializarse na xeración de electricidade, xogando un papel fundamental como subministradora de enerxía eléctrica para o resto de territorios do Estado español. Rego sinalou que a construción destas centrais supuxo a perda de núcleos de poboación, desprazamentos internos da xente e mesmo inundacións de terras fértiles, así como ocupacións de terras que non sempre foron pacíficas.

Así mesmo, apuntou que a maioría das concesións realizáronse cando a retribución estaba fixada polo Goberno do Estado pero que, a día de hoxe, as concesionarias encargadas da produción eléctrica teñen un gran incremento dos beneficios. "Estes beneficios chovidos do ceo non repercuten na poboación local. É dicir, non existen contraprestacións sociais nos territorios onde se construíron", sinala o deputado.

Por este motivo, o BNG reclama a revisión dos aproveitamentos hidroeléctricos á xestión pública, polos organismos de conca ou por entidades creadas para iso. "Deben ter fins de utilidade pública e interese social de forma que se actúe como vector de crecemento económico en sentido amplo, sobre todo nos territorios concretos de implantación, e supoña progreso social para o conxunto da poboación, estreitando o vínculo entre enerxía e sociedade", reclama.

O deputado do BNG Néstor Rego, no Congreso. BNG
O deputado do BNG Néstor Rego, no Congreso. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta