O alcalde de Sarria ve unha "boa medida" manter o concello en nivel alto de restricións

Avisa de que "non é o momento de relaxarse, senón de ter moita responsabilidade" para "ver se nunha semana" se alivia a situación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2021 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, afirmou este martes, xornada na que se reunirá o comité clínico, que ve unha "boa medida" que se amplíe a unha semana máis o nivel alto de restricións para o seu municipio ante a alta incidencia pola Covid-19, que se rexistra desde fai tres semanas.

Estación de trens de Sarria (Lugo). ADIF
Estación de trens de Sarria (Lugo). ADIF

Sarria acumula 63 casos positivos, o que supón unha incidencia a 14 días por encima dos 480 por cada 100.000 habitantes, inferior aos máis de 500 de hai unha semana. Así, Garrido asegurou que "empezan a baixar", os contaxios, "e a descender o número de positivos". "Isto é porque empezan a funcionar os rastreos segundo sanidade", puxo en valor.

"Fixéronse bastantes rastreos á xente que estaba en contacto. Hai veciños en corentena. Eu creo que se están facendo ben as cousas para contelo [o brote] e para que descendan os positivos", subliñou. Así mesmo, Garrido constata que "a incidencia a 14 días é menor, son 63 os casos", para cualificar de "boa medida por parte do comité clínico que se manteña o nivel alto de alerta". "Paréceme lóxico", defendeu o rexedor sarrián.

"EXTREMAR AS MEDIDAS"

Tamén o alcalde de Sarria apelou á necesidade de "extremar as medidas de seguridade; o uso da máscara, a distancia e os límites de aforamento". "É o camiño ideal para atallar un foco que estaba descontrolado", destacou. Finalmente, Claudio Garrido avisou de que "non é o momento de relaxarse, senón que é o momento de ter moita responsabilidade". "E a ver se nunha semana baixamos de nivel [de restricións]", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta