Xa hai data de vacinación para os menores de 30 anos: comezan a principios de agosto

O Sergas baralla vacinar "en paralelo" a outros grupos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/07/2021 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) prevé empezar a vacinación do seguinte grupo de idade, o dos menores de 30 anos, a principios de agosto, e está a valorar que, desde esa data, se poida abrir "en paralelo" a campaña a outros grupos.

Un viario coa vacina de AstraZeneca, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19
Un viario coa vacina de AstraZeneca, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19 | Fonte: Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press.

Segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, os grupos etarios seguirán sendo o "criterio fundamental" pero unha vez probado o bo funcionamento de autocita de vacinación para estudantes erasmus e maiores de 50 anos, "non é descartable" que a campaña se amplíe aos máis mozos de maneira "paralela" con este sistema ou outro.

Así o explicou na rolda de prensa tras a reunión do comité clínico, na que apuntou a data do 9 de agosto para o posible inicio da vacinación de menores de 30 anos e dixo que a ampliación por baixo desa idade está na "folla de ruta" do Sergas aínda que "non ten data nin poboación específica".

De momento, xa se solicitaron un total de 4.706 autocitas para vacinación, desde que se abriu esta modalidade a semana pasada, das que 1.240 corresponden a estudantes erasmus galegos e 3.466 a maiores de 50 anos que non se vacinaron cando lle correspondía ao seu grupo de idade.

Na rolda de prensa, a directora xeral de Saúde Pública da Xunta, Carmen Durán, tamén informou de que no grupo de idade que actualmente está en vacinación, o de 30 a 39 anos, a porcentaxe dos que acoden a vacinarse é de entre un 75 e 78 %, mentres que o do tramo anterior, de 40-49, foi do 85 %.

"RITMO EXCELENTE"

Comesaña asegurou que a vacinación en Galicia vai a un "ritmo excelente" en función do número de vacinas dispoñibles e "o problema" é que non hai máis dose. Actualmente, hai máis de 1,5 millóns de galegos que teñen a pauta completa.

Polo que respecta á reunión do Consello Interterritorial de Saúde desta tarde, o conselleiro explicou que non espera "ningunha novidade" por parte do Ministerio de Sanidade, sobre cuestións como o toque de queda ou outras medidas restritivas.

"Sería unha sorpresa agradable que o Ministerio adopte algunha medida ou poña algunha ferramenta", dixo a este respecto, xa que, segundo lembrou, a "sorte" das comunidades autónomas á hora de ir aos tribunais para apoiar as súas medidas é "moi variable" e constitúe un "terreo delicado".

Por iso, reprochou que o Ministerio manteña que as comunidades teñen "ferramentas suficientes" para tomar as medidas que precisan ante o incremento de contaxios que se está rexistrando, sobre todo na poboación máis nova e lembrou que, de feito, Galicia "non pode utilizar" parte da súa lei de saúde, suspendida porque o Goberno recorreuna ante o Tribunal Constitucional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta