A Xunta atribúe a malograda candidatura da Ribeira Sacra á "diferenza" de "visión conceptual" de técnicos

Di que traballará para corrixir "puntos débiles" da candidatura a patrimonio mundial ante as críticas da oposición pola súa mala planificación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2021 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, asegurou este mércores no Parlamento de Galicia que a Xunta seguirá traballando "con humildade, seriedade e optimismo" para "corrixir" os puntos débiles da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial da UNESCO.

Neste sentido, sinalou que o Executivo galego e o Goberno central retomarán en setembro os contactos con Icomos, órgano asesor do Comité do Patrimonio Mundial, e ampliarán o grupo que traballa na candidatura.

"Debemos aproveitar a decisión de pospor os trámites finais para fortalecer o noso traballo e acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais da Ribeira Sacra", dixo para sinalar que se intensificará a actividade a todos os niveis para "conseguir unha mellor comprensión dos valores excepcionais" que fan que esta zona mereza o máximo recoñecemento por parte da UNESCO.

O conselleiro pronunciouse deste xeito en resposta a senllas interpelacións formuladas polo BNG e o PSdeG tras coñecerse o informe elaborado polo Icomos que, conforme indicaron, sinala que non se dan as condicións para o recoñecemento á vista da documentación presentada.

Respecto diso, o conselleiro atribuíu o informe negativo a unha "diferenza" de "visión conceptual" entre os técnicos que redactaron a candidatura e os encargados de avaliala. "Uns entenden que se trata dunha paisaxe fósil e estática e os que a elaboraron entenden que se trata dunha paisaxe viva, que evoluciona", apuntou.

Na súa intervención, o titular de Cultura tamén destacou que a Xunta executou en 2020 o 90% das actuacións previstas para a Ribeira Sacra a pesar das complicacións da crise sanitaria derivada da covid e sinalou que o Goberno galego traballa no proceso para a declaración do románico desta zona como un conxunto de bens de interese cultural.

"Continuamos confiando nos valores únicos e excepcionais desta paisaxe cultural e crendo que merece o máximo recoñecemento da Unesco en materia de patrimonio", afirmou para incidir en que, en paralelo á candidatura, a Xunta continuará traballando no Plan Ribeira Sacra, que conta cun investimento de 34 millóns ata o ano 2023. clave", explicou.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

En fronte, a deputada do BNG Mercedes Queixas cualificou de "fracaso colectivo", con "nomes e apelidos", o que non prosperase a candidatura. "O Icomos delatou a inexistencia dunha planificación política patrimonial por parte da Xunta", sostivo a deputada, que cualificou de "demoledor" o documento.

Tras apelar ao PP a "abandonar a soberbia", lamentou a "oportunidade perdida" por parte dunha Xunta "incapaz de demostrar o valor universal" deste enclave. "A imaxe que transcendeu de nós é que nos queda demasiado grande e que o goberno non soubo ou non foi capaz de estar á altura", indicou.

Pola súa banda, a socialista Noa Díaz subliñou que a "retirada desta candidatura é a mostra da incapacidade do Goberno de Feijóo para redactar un proxecto suficientemente solvente". "Iso preocúpanos moito", incidiu a socialista, que tamén tachou de "demoledor" o informe do Icomos durante o debate das interpelacións que se formulou de forma acumulada.

Canóns da Ribeira Sacra
Canóns da Ribeira Sacra | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Auria

O Conselleiro de Cultura debería asumir o fracaso. A avaliación de ICOMOS é demoledora. Estaban avisados por particulares, por profesionais da investigación e por asociacións. Ningunearon a base social e aos portadores do legado. E debe facelo Román Rodríguez de dous xeitos, a escoller: dimitindo el e/ou cesando á Directora Xeral de Cultura, por estar colocada nun posto para o que non ten formación (máis alá de servir ao aparato do PP dentro dos bordes da lei). Dos ridículos criadores do relato da Ribeira Sacra cos encoros sacralizados e sustentables, pensaron que podían vender fume polo mundo adiante. Canto costou o disparate? Vano pagar os políticos ineptos ou iso só serve para Catalunya?

1 eu mesmo

Diferencia conceptual?, tomannos por parvos?. Si un señor presenta unha candidatura non se pode inventar o concepto, deben cinguirse ao concepto que manexan os señores que conceden que a candidatura pase a ser patrimonio, o que pasa que se se lle encarga a uns amigutes que ademais son vagos e inutiles xa que nin se preocuparon de ler o que pede a UNESCO nin siquera de ler a os textos de candidatura aprobadas outros anos. En suma, vagancia, mlaversacion e ignorancia, este é o goberno do grande xestor, con conselleiros inutiles, especialmente o de cultura. Vergoña