Pontón cre que a sentenza do estado de alarma impugna ao mesmo TC que está "ao servizo da dereita reaccionaria"

"E a politización que se está facendo do poder xudicial, debe levar a unha reflexión profunda desde o punto de vista democrático" declarou a portavoz nacional do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, referiuse este xoves ao fallo do Tribunal Constitucional sobre o primeiro estado de alarma declarado en España en marzo de 2020, e que declarou inconstitucional o confinamento. "O que creo é que esa sentenza a quen impugna é ao propio tribunal, que volve debuxarse como un organismo partidario, ao servizo da dereita máis reaccionaria", manifestou.

No marco dunha entrevista concedida un día despois da sentenza do Constitucional pola mínima, a líder nacionalista sinalou que a sentenza "volve pór o foco en que o Tribunal Constitucional é un árbitro de parte".

"E a politización que se está facendo do poder xudicial, debe levar a unha reflexión profunda desde o punto de vista democrático, porque isto si que nos afasta dos estándares europeos en democracia", advertiu Ana Pontón, en relación  á composición dos órganos xudiciais.

Pontón tamén reflexionou acerca de que o estado de alarma "foi unha ferramenta útil para salvar vidas", aínda que o BNG "sempre apostou por un estado de alarma descentralizado, en que as medidas que se adopten teñan en conta a realidade do noso país". "Porque é certo que non son as mesmas medidas as que se deberían adoptar para unha gran cidade que para unha aldea onde viven tres habitantes", opinou.

"PROXIMIDADE"

Por iso, Pontón considerou que "esa proximidade do territorio é útil". "E, sobre todo, porque as competencias en materia sanitaria están transferidas ás comunidades autónomas, que teñen experiencia e capacidade de xestión", apuntou, antes de concluír que o BNG considera que "esa proximidade fai que se acerte".

Ademais, a dirixente nacionalista sinalou que o BNG aposta "máis por esa descentralización que non polas decisións que se tomaron nun primeiro momento", as cales, advertiu, "debuxaron unha autonomía facilmente substituíble". "Un decreto do Goberno do Estado pode borrar as nosas competencias".

A xuízo de Pontón, a pandemia deixou a conclusión de que "a autonomía é limitada á hora de protexer á xente e poder tomar decisións de calado" ante unha situación similar e os "retos de futuro". "Nós dicimos con moita claridade que o Estatuto é un traxe que nos queda pequeno e temos que dar un paso para ter ferramentas que nos permitan mellorar a vida da xente e a recuperación económica", sentenciou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presenta a estratexia verde da formación nacionalista.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presenta a estratexia verde da formación nacionalista.. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta