A destrución da planta de tratamento de Varilongo pon no foco a "corrupción" da Xunta coas mineiras

Estas instalacións foran subvencionadas a fondo perdido do IGAPE por 645.855 euros. Ecoloxistas en Acción vén de denunciar o seu desmantelamento "por non contar coas receptivas autorizacións".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A mineira australiana Rafaella Resources, propietaria da filial que obtivo os dereitos mineiros da mina de estaño e volframio de Varilongo, en Santa Comba, "demantelou" esta semana a planta de tratamento de minerais que fora instalada en 2012 cunha subvención a fondo perdido do IGAPE de 645.855 euros, a cargo do Fondo Europeo de Desenvovemento Rexional.

Planta de tratamento de minerais de Varilongo
Planta de tratamento de minerais de Varilongo | Fonte: Ecoloxistas en Acción

 

Así o indica a organización Ecoloxistas en Acción nun comunicado no que sinala ao por aquel entón Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, por aprobar esta planta de tratamento "sen estar autorizada" e habendo informes técnicos do propio IGAPE que consideraban o proxecto "cuestionable" e de "calidade marxinal". A pesar disto, e segundo informa a organización ecoloxista, o IGAPE concedeu a subveción para a planta de tratamento. "Un ano despois, en 2013, a empresa mineira ía a concurso de acredores", resaltan. Este mesmo cargo está a día de hoxe imputado por prevaricación ambiental precisamente por ter aprobado os proxectos de explotación e plan de restauración de Varilongo "sen sometelos ao trámite de avaliación de impacto ambiental". 

 

Na última semana a veciñanza de Santa Comba presenciou o desmantelamento de todas as instalacións, "convertidas en chatarra que foi evacuada en camións mediante remolques de grandes dimensións", e baixo as ordes de Galicia Tin and Tungsten SL, propiedade da australiana Rafaella Resources. Ante as sospeitas de que a actuación non contaba coas preceptivas autorizacións tanto da Xunta como do propio Concello de Santa Comba, cursáronse as respectivas denuncias administrativas, informa Ecoloxistas en Acción.

 

A mesma empresa xa foi denunciada a finais de 2020 por verteduras con altas concentracións por metais pesados, o que levou a Augas de Galicia a iniciar un expediente sancionador. No mesmo punto dos vertidos, o denominado “transveral Carballeira”, o propio Concello de Santa Comba tivera que iniciar outro expediente de reposición da legalidade urbanística, por realizar obras sobre vías públicas sen autorización.

 

Para as organizacións denunciantes, o caso de Varilongo é "paradigmático da corrupción e derroche de fondos públicos por unha administración cómplice das mineiras, temendo que o uso inapropiado dos fondos europeos se repita agora cos fondos NEXT Generation de inxectarse novamente nunha industria mineira totalmente especulativa e insostible", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta