A Xunta recibe varias ofertas de compra de inmobles para convertelos en vivenda pública

As vivendas resultantes cualificaranse como de promoción pública (VPP) e pasarán a integrar o parque público residencial, adxudicándose en réxime de aluguer.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A Xunta recibiu un total de 18 ofertas de compra de inmobles nos municipios da Coruña, Tui e Ribadavia co fin de que, unha vez pasen a propiedade do Instiuto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), sexan rehabilitados a través do programa Rexurbe e se convertan en vivenda pública.

A cuarta convocatoria de compra pública de edificios pechou o pasado venres con este resultado, despois dun prazo de tres meses para a presentación de propostas, segundo informou este venres en rolda de prensa a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

En concreto, os propietarios da Coruña e Tui presentaron sete ofertas á Xunta, respectivamente, mentres que en Ribadavia foron catro.

A conselleira destaca que estas cifras "confirman que Galicia e os galegos apostan pola rehabilitación e que a Administración autonómica proporciona as mellores ferramentas para conseguilo".

Na Coruña, unha das propostas pertence á Cidade Vella, mentres o resto son en Orzán. Agora haberá un proceso de revisión de documentación, para o que se traballará "man a man" cos propietarios.

As vivendas resultantes cualificaranse como de promoción pública (VPP) e pasarán a integrar o parque público residencial, adxudicándose en réxime de aluguer. O investimento superará o millón de euros na cidade de herculina, mentres que o investimento en Tui e Ribadavia roldará os 250.000 euros.

Desde a primeira convocatoria do programa Rexurbe, o Goberno galego adquiriu un total de 76 inmobles en nove localidades, dos cales se prevé obter 131 vivendas de promoción pública.

Arquivo - Bloques de vivendas no Polígono do Val.. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Bloques de vivendas no Polígono do Val.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta