O TSXG retira a patria potestade cinco anos a un condenado por agredir sexualmente á súa parella, encerrala e atala

O home foi condenado a 25 anos e sete meses de cárcere.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A sala do civil e penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou a 25 anos e sete meses de cárcere a un acusado de maltratar de forma habitual á súa parella, coa que comezou a relación cando ela tiña 15 anos, e coa que ten unha filla en común.

O TSXG, do mesmo xeito que na sentenza de primeira instancia, considera probado que, nunha ocasión, atouna cunha corda e deixouna encerrada no taller da vivenda que compartían en Vigo tras agredila sexualmente e sacarlle fotografías.

O condenado enviou as imaxes por whatsapp a un home que a vítima tiña entre os seus contactos, quen, ao recibilas, alertou á policía. A Audiencia, que o considerou culpable dun delito de malos tratos habituais, agresión sexual, detención ilegal, lesións e revelación de segredos, tamén lle impuxo a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante 25 anos e medio, así como cinco anos de liberdade vixiada.

O TSXG estimou o recurso de apelación presentado polo Ministerio Fiscal e impúxolle, durante un período de cinco anos, a privación da patria potestade.

Ademais, o alto tribunal galego, condenouno á prohibición de achegarse e comunicarse coa menor durante os períodos temporais establecidos respecto da súa nai.

Ambas as medidas, segundo a sala, xustifícanse "atendendo á gravidade dos feitos e consecuente risco inherente respecto de todos os membros da unidade familiar".

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta