Controlado o primeiro gran lume do verán que calcinou 200 hectáreas en Carballeda de Valdeorras

O ministerio despregou sete medios aéreos. Tamén quedou extinguido outro declarado no municipio ourensán de Rubiá.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/07/2021 | Actualizada ás 09:50

Comparte esta noticia

Os medios de extinción controlaron o incendio forestal orixinado o sábado en Carballeda de Valdeorras (Ourense), tras arder unhas 200 hectáreas, mentres que quedou extinguido outro declarado no municipio ourensán de Rubiá.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume iniciado ás 16,35 horas do sábado na parroquia de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras, quedou controlado ás 22,37 horas deste domingo.

As últimas estimacións sitúan a superficie afectada nunhas 200 hectáreas. Na súa extinción participaron ata o momento un técnico, 25 axentes, 45 brigadas, 21 motobombas, dúas pas, oito avións e nove helicópteros.

Por outra banda, o incendio declarado ás 20,54 horas do domingo na parroquia de Biobra en Rubiá quedou extinguido ás 22,58 horas da mesma xornada tras queimar unhas 0,09 hectáreas dentro do parque natural de Serra da Enciña da Lastra, das cales 0,03 foron arboredos e 0,06 de monte raso.

Na súa extinción participaron tres axentes, seis brigadas, cinco motobombas, dous avións e tres helicópteros, concretou Medio Rural.

Incendio forestal
Incendio forestal | Fonte: POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO.

SETE MEDIOS AÉREOS

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) despregou sete medios aéreos para apoiar as tarefas de extinción do incendio forestal de Valedorras.  Segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado de prensa, ao longo das xornadas do sábado e do domingo, o Miteco desprazou a Carballeda de Valdeorras a Brigada de Especialistas de Extinción (BRIF) helitransportada con dous helicópteros, cada un con capacidade para 1.500 litros, desde a base de Laza.

A iso sumouse persoal e un helicóptero de transporte e extinción da BRIF de Tabuyo del Monte (León); tres avións anfibios procedentes de Santiago e Rosinos (Zamora); e un avión de coordinación e observación (ACO), usado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou desde a base de León.

COLABORACIÓN E COMPROMISO

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo fincapé, a través dun comunicado de prensa, na "colaboración e o compromiso" do Executivo central na loita contra a "secuela dos incendios forestais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta