Un acordo entre o Fondo Europeo de Investimentos e Abanca mobilizará 220 millóns para a recuperación das pemes

O FEI asumirá "o 70% do risco" duns préstamos cos que a entidade bancaria dará "financiamento máis favorable" a pequenas entidades.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2021 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O Fondo Europeo de Investimentos (FEI) e Abanca alcanzaron un acordo para apoiar con préstamos, cun total de 220 millóns de euros, a recuperación e o crecemento das pequenas e medianas empresas (pemes) españolas que se viron afectadas pola crise económica derivada da pandemia.

Segundo informa Abanca, o FEI, que forma parte do Grupo Banco Europeo de Investimentos, achegará unha garantía ilimitada de 154 millóns de euros, o que permitirá á entidade bancaria crear unha carteira de 220 millóns a disposición das pequenas empresas.

Con esta garantía do FEI, que asumirá "o 70 por cento do risco" dos préstamos, Abanca ofrecerá "financiamento máis favorable" ás pemes e sociedades de pequena e mediana capitalización naqueles sectores que estean "especialmente expostos á pandemia de covid-19", co obxectivo de "apoiar a recuperación da súa liquidez e amparando o emprego no país".

O conselleiro delegado do FEI, Alain Godard, asegurou --tal e como informa Abanca-- estar "encantados de unir forzas" coa entidade para mobilizar ata 220 millóns de euros de financiamento para que as pequenas empresas poidan mitigar os efectos negativos da pandemia na economía española".

"Estamos no camiño e, grazas a nosa ampla rede de intermediarios, pretendemos chegar a tantas empresas como sexa posible, tanto en España como en Europa", manifestou, pola súa banda, o vicepresidente do BEI, Ricardo Mourinho Félix.

Mentres tanto, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, sinalou como "unha prioridade" apoiar ás empresas para que poidan "compensar os efectos da pandemia e establecer as bases do crecemento futuro da economía".

"Fomos moi activos en mobilizar todas as liñas dispoñibles para os nosos clientes empresas, que son desde sempre un sector fundamental e estratéxico para a nosa entidade e para o desenvolvemento económico da nosa sociedade", asegurou Botas.

Oficina de Abanca. ABANCA - Arquivo
Oficina de Abanca. ABANCA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta