Fernández Lores chama á Xunta e a ENCE a "recapacitar" para ter unha "alternativa" que manteña o emprego

Ademais de cualificar a prórroga como unha "fraude de lei", Miguel Anxo Fernández Lores lamentou que "se perdeu un tempo precioso", tanto por parte do Executivo autonómico como da dirección da factoría, "para buscar unha alternativa, que as ten que haber".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2021 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, confía en que a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga concedida á empresa Ence "faga recapacitar" á empresa e á Xunta para que "tomen o camiño de buscar unha alternativa viable para manter os postos de traballo e a produción". O rexedor municipal valorou "positivamente" o ditame xudicial: "Non esperabamos outra cousa porque os argumentos dos xuristas do concello eran contundentes", insistiu.

Despois de que este luns o comité de empresa protagonizase unha nova xornada de protesta contra o peche, o rexedor rexeitou as acusacións por parte do persoal da fábrica e do Goberno galego que lle atribúen a situación na que queda a pasteira. "Quen puxo en perigo os postos de traballo foi o cambalache do PP coa empresa buscando mecanismos ilegais" para permanecer en Lourizán, avisa. Nese sentido, asegurou que "se están equivocando de inimigo" e instou aos empregados a "esixir" unha solución a Ence e á Xunta.

TEMPO "PERDIDO" PARA BUSCAR OUTRO EMPRAZAMENTO

Ademais de cualificar a prórroga como unha "fraude de lei", Miguel Anxo Fernández Lores lamentou que "se perdeu un tempo precioso", tanto por parte do Executivo autonómico como da dirección da factoría, "para buscar unha alternativa, que as ten que haber". Así, lembrou que "ata agora a empresa negouse" ao traslado a outros terreos "e contou co apoio da Xunta", engadiu, porque "din que non hai", algo que para o alcalde, "non é de crer".

Por tanto, apelou á "responsabilidade" de Ence e do Goberno galego, de maneira que urxe a ambos a "porse as pilas, porse a traballar e buscalos". En tanto que os responsables da factoría anunciaron que recorrerán a sentenza, "iso daralles tempo para buscar esa alternativa", precisou o alcalde.

En canto ao comité de empresa da fábrica, Fernández Lores resaltou a "sensación positiva" de que queren "seguir producindo, e se non pode ser en terreo marítimo-terrestre, haberá que buscar unha alternativa" fóra do seu actual emprazamento.

"MENSAXE CLARA"

Para o alcalde de Pontevedra, "leste é a primeira mensaxe clara" que se lle manda á empresa, algo que non se produciu con anterioridade por parte das administracións. Neste caso, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que a sentenza da Audiencia Nacional "que está baseada na xurisprudencia do Tribunal Supremo, dio claramente".

Ata este momento, Fernández Lores lembrou que "se utilizaron todos os medios posibles de influencia a nivel político" para manter á empresa en Lourizán "porque o PP ten membros no Consello de Administración e hai accionistas de todos os 'lobbies' do Estado que tentaron modificar a Lei de Costas e aprobaron a prórroga ilegal".

O rexedor municipal cualificou de "dereito de pernada industrial" a situación da que estaba a beneficiar Ence, cando "a ningunha empresa autorízaselle" algo así, en alusión a "facilidades que non teñen outros empresarios". Por tanto, "era hora de que a Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo digan o que teñan que dicir", engadiu Fernández Lores, cunha sentenza "contundente".

Por último, Miguel Anxo Fernández Lores reclamou o "dereito" dos pontevedreses "a recuperar un espazo único no mundo" que, para a instalación da actual Ence fai seis décadas "nunha localización que nunca debeu ser", supuxo o recheo de 600.000 metros cadrados de ría, entre praias e zonas de marisqueo.

Apela á "preocupación polo cambio climático" e a "todas as tendencias mundiais" na liña de "respectar o planeta", o alcalde de Pontevedra precisou que seguir agredindo a ría "non é o camiño". No entanto, admite que a pasta de papel que produce Ence é "unha das mellores do mundo", e dirixiuse aos directivos da empresa para que "se queren seguir producindo, teñen que gastar o diñeiro e buscar outra localización".

Biofábrica de Ence en Pontevedra / Santos-Diez - Europa Press. / Europa Press
Biofábrica de Ence en Pontevedra / Santos-Diez - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta