Santiago instala dous 'Puntos Lila' para protexer a mulleres e persoas LGTBI+ durante as Festas do Apóstolo

Haberá un punto fixo no parque da Alameda e outro no parque de Galeras, que se activará só durante os concertos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2021 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago puxo en marcha este martes os dous 'Puntos Lila' cos que contará a cidade co obxectivo de "protexer" ás mulleres e ás persoas do colectivo LGTBI+ durante as Festas do Apóstolo.

A edil responsable de Acción Cultural, Mercedes Rosón, explicou que os dous postos de información servirán de punto de traballo "a favor da seguridade das mulleres e das persoas LGTBI+". Un equipo de psicólogas e persoal especializado en igualdade darán unha cobertura "imprescindible nos tempos que corren", engadiu a concelleira.

Tanto Rosón como o concelleiro encargado de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, detallaron en rolda de prensa que os dous 'Puntos Lila' funcionarán en comunicación constante coa Policía Local e a Policía Nacional. Ademais, o Consistorio leva semanas coa execución de programas para a concienciación en locais comerciais e turísticos.

A este respecto, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, enumerou os dous obxectivos que pretende cumprir o Concello de Santiago con estas iniciativas: por unha banda, "asegurar o benestar durante as Festas do Apóstolo de colectivos discriminados", e por outro, "reafirmar a imaxe de Santiago de Compostela como cidade segura e inclusiva".

ALAMEDA E GALERAS

Os dous 'Puntos Lila' están situados no parque da Alameda e no parque de Galeras. O primeiro será un posto fixo que estará aberto de luns a venres de 12,00 a 13,30 horas, e de luns a domingo de 20,00 a 1,00 horas. O 'Punto Lila' do parque de Galeras estará activo en función dos concertos e distintas actividades que leven a cabo. Aínda que non conta cun horario fixo, Mercedes Rosón estimou que o posto abrirá ás 19,00 horas.

Os concelleiros Sindo Guinarte, Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón presentan o 'Punto Lila' que se encotrará na Alameda entre o 21 e o 31 de xullo.
Os concelleiros Sindo Guinarte, Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón presentan o 'Punto Lila' que se encotrará na Alameda entre o 21 e o 31 de xullo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta