GC Aberto

Pensarmos o Día da Galiza

Velaquí a pregunta que os galegos temos que facernos e respondernos con honestidade este 25 de Xullo, todos os 25 de Xullo: ¿Existe a nación galega? ¿Constitúe o pobo fillo da Galiza unha nación? E indo aínda máis lonxe... ¿para que serve, en realidade, ser unha nación?

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 25/07/2021

Comparte esta noticia

Cada 25 de Xullo, día de Santiago Matamouros, patrón da nación española, os galegos temos unha cita con nós mesmos; cita que nos marca o calendario e nos lembran as institucións e os medios de comunicación. Porque o 25 de Xullo tamén é o Día da Galiza non mártir, da Galiza viva que non chora; nin mama.

Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019 | Fonte: arquivo

¡Non somos únicos!; nisto non temos ren de orixinais. Todas as culturas de todos os países do mundo necesitan, e gustan, dedicar un día ao ano a conmemorar a súa pervivencia ao longo da historia, no que celebrar o feito de continuar camiñando xuntos polo vieiro da existencia en común. Por iso é un día de exaltación, de alegría e bos desexos, tal coma se fose o aniversario do noso nacemento.

Porén, non é igual formar parte dun grupo nacional dominante, expansivo, que dunha nación cativa e acomplexada subsumida noutra segura de si mesma. É esta a razón pola cal o 25 de Xullo é interpretado de xeito oposto polos galegos con sentimentos nacionalistas; é dicir, de defensa da nosa terra e da nosa cultura, e os españois, sexan ou non conscientes do seu áulico sentir nacional.

Mentres estes últimos rememoran con magoa e moitísima saudade o grande imperio intra e extrapeninsular das Españas perdido nos avatares da súa historia, ao tempo que se conforman con poder ter mantido xunguida —de momento― a pel de toro que segundo Estrabón é a península ibérica, agás Portugal, pobo que foi o único que realmente quixo ser independente e batallou durante séculos até conseguilo; inda que haxa máis dun catedrático de ciencia política que considere o país veciño e irmán  «la décimo octava autonomía».

Dicía que en tanto a nación española resucita a súa maxestade, cada 25 de Xullo, a nación galega trata de non ter que ser revivida xamais. Pero, como acontece na ciencia médica, non é doado diagnosticar a morte dun ser vivo, sexa a dun só individuo ou a dunha colectividade de individuos.

Así pois, considerando o que veño de expoñer, velaquí a pregunta que os galegos temos que facernos e respondernos con honestidade este 25 de Xullo, todos os 25 de Xullo: Existe a nación galega?, Constitúe o pobo fillo da Galiza unha nación? E indo aínda máis lonxe... para que serve, en realidade, ser unha nación?

Resulta evidente que a Galiza é unha nación en sentido obxectivo posto que posúe os elementos identificados polos estudosos do nacionalismo para selo: un territorio xeograficamente diferenciado, un pasado histórico común, unha cultura propia (que inclúe o idioma, a literatura, a arquitectura, a música...) e unha forma de ser peculiar, posibelmente influenciada pola nosa orografía e o noso clima. Podemos asegurar, sen inquedanza de ningunha clase, que a Galiza e os galegos conformamos unha nación cultural.

Non obstante, para que a nación cultural deveña unha nación política é imprescindíbel un elemento esencial: a conciencia nacional; isto é, o denominado «nacionalismo subxectivo».

A adquisición da conciencia nacional, como acontece coa conciencia de clase, esixe un importante esforzo individual. Tan só unha pequena parte dos integrantes dunha nación sometida ou en curso de desaparición a posúe, por iso sempre é unha minoría quen se resiste aos procesos de aculturación e enculturación desencadeados e potenciados pola nación dominante. Neste senso cómpre lembrar a coñecida sentenza de Anatole France: «Toda unha cidade, toda unha nación, reside en poucas persoas que pensan máis vigorosamente que as demais; o resto non conta».

Talvez sexa excesivo afirmar que «o resto non conta», porque nos sistemas políticos democráticos, nos que os gobernos os elixe a maioría dos votantes, o resto si conta; e moito. Mais tamén é certo que no decurso da historia sempre foi unha minoría especialmente concienciada e activa a que conseguiu salvar ás nacións febles da súa desaparición.

A conciencia nacional crea á nación, e a nación ven sendo o inconsciente colectivo que posibilita que un grupo humano se recoñeza a si mesmo e en si mesmo, para si e para os demais grupos humanos cos que se relaciona. Esta identidade é tan transcendental na vida das persoas como a identidade de xénero: ámbalas dúas dan sentido á nosa existencia e ao noso propósito de seguir existindo. Para isto é para o que a nación é necesaria; estes fins son os que lle aportan o seu valor ao concepto de nación e ás propias nacións.

Agora ben: Supón algún adianto, algún progreso na humanización dos seres humanos, que maltraten ou torturen a unha persoa na súa lingua materna? Ou que a explotación do home polo home, ou, para sermos politicamente correctos, pola muller, se faga no idioma que herdamos? É máis xusta, acaso, a xustiza polo simple feito de se impartir na lingua que nos pertence?

¡Galegas! !Galegos!: Todos aqueles que ignorades ou dubidades na resposta, escoitádeme con atención:

¡Feliz 25 de Xullo, día de Santiago Matamouros, patrón da nación española!

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta