Galicia duplicou os seus casos activos en só sete días de crecemento disparado

A Comunidade suma case 13.000 casos activos logo doutra xornada con máis de 1.000 contaxios. O problema segue a estar na taxa de positividade --disparada-- e nos hospitalizados, que comezan a medrar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 freáronse lixeiramente e descenden a 1.092 en Galicia, o que supón 73 menos que a xornada anterior, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus repuntan a 174, que representan 25 máis que o día pasado. Pola súa banda, os casos activos ascenden a 12.889 --o dobre de hai unha semana-- e a taxa de positividade redúcese lixeiramente a un 9%.

Segundo os datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 do martes, recollidos por Europa Press, aumentan a 153 as persoas ingresadas en unidades convencionais pola Covid-19, que supoñen 25 máis que na xornada anterior, e mantéñense en 21 as que se atopan en UCI. Pola súa banda, 12.715 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en seis das sete e soamente se mantén na de Ferrol, onde baixan a dous os pacientes en UCI --un menos-- e soben a 11 os que permanecen noutras unidades --un máis--. O maior incremento corresponde á da Coruña e Cee, onde aínda que seguen nove pacientes Covid en UCI, aumentan a 25 as doutras unidades --sete máis--; mentres que na de Ourense queda un en críticos --un menos--, pero soben a 43 os doutras unidades --sete máis--.

Na de Vigo, polo seu lado, aumentan a dous os ingresados pola Covid en UCI --un máis-- e a 31 os que se atopan noutras unidades de hospitalización --cinco máis--, mentres que na de Pontevedra e O Salnés continúan cinco en críticos e aumentan a 19 os doutras unidades --tres máis--. A área de Lugo segue sen pacientes Covid en UCI e conta con 15 noutras unidades --un máis--; e a de Santiago e Barbanza rexistra dous en críticos --un máis-- e nove noutras unidades --un máis--.

DOBRE DE CASOS ACTIVOS

Os casos activos de Covid-19 ascenden por vixésimo oitava xornada consecutiva ata os 12.889, que representan 852 máis que o día pasado, ao haber de novo máis contaxios (1.092) que altas (240). Con respecto a fai sete días, as infeccións activas supoñen o dobre, xa que o pasado mércores 14 de xullo había 6.298 no conxunto da Comunidade galega.

Por áreas sanitarias, os casos activos increméntanse en todas, de maneira máis acusada na de Vigo (+202); seguida da de Pontevedra e O Salnés (+157); Santiago e Barbanza (+125); A Coruña e Cee (+120); Lugo (+102); Ourense (+95); e Ferrol (+51).

Deste xeito, a área sanitaria de Vigo mantense á cabeza con 2.909 casos activos; seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 2.258; A Coruña e Cee, con 2.214; Ourense, con 2.181; Santiago e Barbanza, con 1.580; Lugo, con 1.241; e Ferrol continúa á cola como a única por baixo do milleiro, con 506.

MENOS CONTAXIOS

No relativo aos novos contaxios de Covid-19, superaron de novo por segunda xornada seguida o milleiro ao rexistrarse 1.092, o que implica 73 menos que o día pasado, tras iniciarse esta semana con 975.

No conxunto da Comunidade galega foron confirmados 1.151 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que supoñen 143 máis que o día anterior, dos cales 260 corresponden á área de Vigo; 227, á de Pontevedra e O Salnés; 188, á da Coruña e Cee; 151, á de Santiago e Barbanza; 138, á de Ourense; 128, á de Lugo; e 59 á de Ferrol.

Así, os contaxiados de Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 143.934 en Galicia, deles 33.625 na área da Coruña e Cee; 28.746, na de Vigo; 21.977, na de Santiago e Barbanza; 18.434, na de Ourense; 17.222, na de Pontevedra e O Salnés; 14.610, na de Lugo; e 9.320, na de Ferrol.

Desde o inicio desta crise sanitaria Galicia levou a cabo 2.481.253 PCR, 6.891 máis que as rexistradas ata a xornada anterior e un mil máis que as feitas o día pasado.

En canto á taxa de positividade das PCR, volve reducirse e baixa a un 9,3% tras caer ao 10,9% o día anterior despois de arrincar esta semana nun 13%. Así, a Comunidade galega segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galicia, ata hai dúas semanas, non superaba desde o 15 de febreiro.

VÍTIMAS E CURADOS

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galicia desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.443 ao non notificar Sanidade ningunha vítima este martes.

En concreto, o último óbito correspondeu a unha muller de 76 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), que presentaba patoloxías previas. Esta morte produciuse o 16 de xullo e foi notificada este luns.

Fronte a iso, 128.627 pacientes curáronse deste coronavirus no conxunto de Galicia desde o comezo desta crise sanitaria, 240 persoas máis que as contabilizadas ata o día anterior.

Varias persoas pasean en Sanxenxo (Pontevedra).. Beatriz Ciscar - Europa Press
Varias persoas pasean en Sanxenxo (Pontevedra).. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta