Absolven ao garda civil acusado de apropiarse dunha lancha en Boiro

Segundo a sentenza, "procedería a apreciación da extinción da responsabilidade penal derivada dos feitos que se cualifican como apropiación indebida".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña absolveu dos delitos de apropiación indebida e contra a administración de xustiza ao garda civil acusado de apropiarse en Boiro dunha lancha en 2003.

A Fiscalía acusábao de terse apropiado, en exercicio das súas funcións --entre o 15 e o 19 de abril de 2003-- como xefe da área de atención ao cidadán de Boiro, dunha embarcación que o seu dono lle entregou para supostamente proceder á súa destrución ou depósito para evitar que lle impuxesen unha infracción administrativa, pois carecía de documentación.

A Audiencia destaca que non se acreditou que o valor da lancha superase os 400 euros, polo que conclúe que sería "un delito leve, cuxo prazo prescriptivo sería de seis meses". Por esta razón, segundo a sentenza, "procedería a apreciación da extinción da responsabilidade penal derivada dos feitos que se cualifican como apropiación indebida".

En canto ao outro delito, os maxistrados aseguran que non se acreditou que en 2006 o acusado, dirixíndose ao denunciante, proferise a expresión: "Ti e o teu irmán ides acabar no cárcere". Contra o fallo, con data de 16 de xullo, cabe recurso de casación.

XUÍZO

Durante o xuízo celebrado a comezos de xullo na sede compostelá da Audiencia Provincial da Coruña, o acusado asegurou que el comprou a súa embarcación nun despezamento, pero que non ten "nada que ver" coa que figura neste caso.

Por estes feitos, abríronselle dilixencias militares por unha "falta moi grave" que supuxeron "cortar" a súa carreira, explicou o acusado. "Hoxe sería capitán", aseguraba na vista, se non existise esa denuncia. Está en reserva desde novembro de 2017.

Xuízo a garda civil acusado de apropiarse dunha lancha
Xuízo a garda civil acusado de apropiarse dunha lancha | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta