Galicia recolleu máis de 8 toneladas de aceite industrial no 2020 para evitar a contaminación

SIGAUS atendeu a 5.331 establecementos galegos, o 53% deles talleres mecánicos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A recuperación de 8.142 toneladas brutas de aceites usados en Galicia evitou a emisión de 4.773 toneladas de CO2 e aforrou a utilización de máis de 1,3 millóns de barrís de petróleo. SIGAUS, o Sistema de xestión de aceites industriais usados encargado da recuperación do residuo en España, levou a cabo 11.002 operacións de recollida de aceite en 293 municipios galegos.

Arquivo - Taller de motocicletas.. ACEM - Arquivo
Arquivo - Taller de motocicletas.. ACEM - Arquivo

Os aceites usados dos vehículos ou a maquinaria son un residuo perigoso con gran impacto medioambiental. A súa toxicidade e escasa biodegradabilidade poden ter efectos importantes sobre a saúde e o medio ambiente, de aí a importancia da recollida, especialmente nas zonas rurais. O 72% dos municipios galegos onde se recuperou aceite usado son rurais, onde ademais se encontran a maioría de espazos naturais protexidos e recursos hídricos. 

Os talleres mecánicos foron os establecementos nos que se realizou un maior servizo de recollida, en concreto o 53% do total. A mecánica é a actividade que máis xera aceite usado en Galicia, un 48% do volume total recuperado na comunidade. SIGAUS prestou servizo a 2.795 talleres de todo tipo, como talleres multimarca, especializados, de vehículos industriais...

Con respecto ao rural, SIGAUS recolleu 665 toneladas na contorna de espazos protexidos, como poden ser as 346 toneladas de aceites usados na Reserva da Biosfera de Terras do Miño. Tamén é destacable no 2020 a recollida de aceites en zonas de montaña ou pouco poboadas, onde a sistema prestou o servizo de recollida en 603 establecementos. 

"Cando todo parou, a nosa actividade foi declara esencial e decidimos reforzar o nosos sistema para seguir axudando ao tecido económico mediante a recollida de aceite usado", comenta o director xeral de SIGAUS, Eduardo de Lecea, que fai balance dos datos correspondentes ao 2020, ao que cualificou como "o noso ano máis responsable". 

O 32% do aceite usado neto recollido na comunidade durante o 2020 foi tratado mediante rexeneración, un tratamento que extrae do residuo unha base lubricante que serve para fabricar novos aceites. Esta práctica permitiu devolver ao mercado 1.631 toneladas de lubricantes e evitou a emisión de máis de 1.700 toneladas de CO2. Galicia conta con 14 instalacións de xestión de aceites usados, incluíndo 4 plantas de xestión final, 1 de rexeneración e 3 de tratamento previo á súa valorización enerxética. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta