Traballadores da empresa de mobilidade de Santiago desconvocan a folga tras apoiar o novo acordo

O novo convenio, en vigor entre o 1 de xaneiro de 2022 e fin de 2024, igualará as condicións de todo o cadro de persoal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

Os traballadores da empresa de mobilidade de Santiago de Compostela desconvocaron a folga prevista para os días 24 e 25 de xullo, os días grandes das Festas do Apóstolo, tras apoiar "unanimemente" o novo acordo entre responsables de Tussa e o comité de empresa.

Nun comunicado, o órgano representativo dos traballadores explicou que, tras varias reunións nos últimos días que axudaron a "desbloquear as posicións empresariais que impedían o acordo final", chegouse a un preacordo "satisfactorio" que debía ser referendado en asemblea dos empregados de Tussa durante a noite do mércores.

Os traballadores destacaron o feito de que, tras a lectura do preacordo e o debate, aprobaron "por unanimidade" o novo documento, que se converterá no primeiro convenio de Tussa. Tamén informaron de "agora só queda pendente a redacción final de parte do articulado", unha vez que "a parte económica e de dereitos sociais está negociada e pechada".

O presidente do comité de empresa de Tussa, Antonio Souto, manifestou a Europa Press que, "aínda que non cumpre por completo as expectativas iniciais, o novo texto senta as bases para igualar as condicións laborais de todos os empregados da empresa, que ata agora estaban suxeitos a tres convenios: o antigo de Setex Aparki, o convenio galego de aparcadoiros e o provincial de oficinas e despachos.

CONDICIÓNS IGUALADAS

O novo convenio, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e seguirá vixente ata o final de 2024, igualará as condicións de todo o cadro de persoal. Ademais, o convenio recolle unha cláusula que permite "que se actualicen os salarios automaticamente nas mesmas contías que se fixen en 2024 para a función pública".

Outro dos puntos da regulación aprobada é o desbloqueo da subida salarial pendente en 2020. Ese incremento foi estipulado no 1,9%, e será comezará a abonarse co inicio da vixencia do convenio único.

En canto á antigüidade, está pasase a un máximo do 25% do salario base en trienios. No entanto, os traballadores que contasen cun convenio superior manterán o seu tramo como condición máis beneficiosa e consolidada no convenio. Tamén se introducirá un plus de compensación para os empregados que, por condicións de servizo, teñan que ter xornada partida.

Por parte do comité trasladaron a conformidade con que se "rompa unha situación que provocaba importantes diferenzas salariais e sociais". "Foi a unidade sindical e a unión dos diferentes colectivos nun obxectivo común o que permitiu á comisión negociadora ter a forza necesaria para alcanzar este acordo", finalizaron os traballadores.

Traballadores de Tussa concéntranse ante a intermodal de Santiago. REMITIDA (CIG)
Traballadores de Tussa concéntranse ante a intermodal de Santiago. REMITIDA (CIG) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta