Igrexas de Reino Unido, Irlanda e Polonia ilumínanse coa frecha amarela do Xacobeo na semana do Día de Galicia

Trátase dunha iniciativa promovida por Turespaña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2021 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Diferentes monumentos de Reino Unido, de Irlanda e de Polonia ilumináronse esta semana coa insignia do Xacobeo 2021-22 para conmemorar a semana do Día do Apóstolo que conclúe este domingo, 25 de xullo.

Trátase dunha iniciativa promovida por Turespaña seguindo a campaña da Xunta '#AcendeoXacobeo', pola cal xa se iluminaron máis dun centenar de edificios simbólicos por toda a Comunidade galega para anunciar este dobre Ano Santo.

En concreto, Turespaña, a través das súas oficinas internacionais e en colaboración con Turismo de Galicia, promoveu esta acción en tres dos principais países emisores de viaxeiros estranxeiros.

Así, a Igrexa de Saint James de Dublín, que é a máis identificada o Camiño de Santiago na capital irlandesa, comezou a iluminarse co símbolo do Xacobeo e cunha frecha amarela o pasado luns, 19 de xullo, e así seguirá ata o luns, día 26.

Do mesmo xeito, esta semana ilumináronse a Catedral de Southwark, situada xunto ao London Bridge de Londres, e a igrexa de Santiago Apóstolo de Torun, en Polonia, lucirá o distintivo do Xacobeo ata este domingo.

Igrexa de Saint James de Dublín iluminada co símbolo do Xacobeo 2021-22.. XUNTA
Igrexa de Saint James de Dublín iluminada co símbolo do Xacobeo 2021-22.. XUNTA | Fonte: Europa Press

A Consellería sinalou que baixo esta iniciativa permanecen iluminados lugares como as Torres de Hércules e o edificio de Afundación Abanca na Coruña; o Concello e a sede de Afundación en Ferrol; a Torre da Berenguela e a Cidade da Cultura en Santiago; a Igrexa de San Francisco en Pontevedra; as catedrais de Ourense e Lugo; a sede da Xunta de Galicia e a sede de AFundación Abanca en Vigo. A iluminación continuará nas cidades galegas ata, "polo menos", a finalización do primeiro Ano Santo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta