Caballero pon deberes ao PSdeG: "ser a bandeira da reforma do Estatuto"

Os socialistas destacan o papel histórico do seu partido na ofrenda a Castelao, con nota musical de Emilio Batallán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/07/2021 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O PSdeG trasladouse este 25 de xullo unha vez máis ao municipio de Rianxo para celebrar o Día de Galicia cun acto no que o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, proclamou o seu "galeguismo" e púxose "deberes a si mesmo": "Cando pase a pandemia, volveremos ser a bandeira da reforma do Estatuto".

"Hoxe non lle vou a pór ao señor Feijóo deberes, voumos a pór a min mesmo e ao PSdeG. Cando pase a pandemia, volveremos ser a bandeira da reforma do Estatuto de Autonomía", proclamou Caballero, quen dixo que "é o momento de que cada un decida que quere ser".

Así, concluíu que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "está obsesionado con Casado e Ayuso". En canto a líder do Bloque, Ana Pontón, cuestionou que "está obsesionada con Junqueras", presidente de ERC que, precisamente estivo acompañando aos nacionalistas na manifestación que protagonizaron con motivo da celebración do Día da Patria.

"Eu estou comprometido con Galicia. Non teño outra meta máis que traballar en Galicia, por Galicia e para Galicia", salientou na súa intervención, na que sinalou que "non basta con celebrar, hai que facer".

"E só os socialistas podemos construír a Galicia do século XXI. Unha Galicia moderna, que reclama o seu papel en España e en Europa, innovadora, sustentable, desenvolvida e aberta ao mundo", incidiu.

Caballero apuntou que os socialistas "non queren ser parte nin da Galicia cohibida de Feijóo nin da Galicia illada do nacionalismo galego". "Queremos unha Galicia protagonista en España e en Europa, e para iso necesitamos un PSdeG forte, federalista socialdemócrata e galeguista", salientou.

"Galicia somos a xente, a nosa cultura, a nosa lingua, un modo de entender o mundo. O PSdeG sempre mostrou compromiso con Galicia, cos galegos e galegas", destacou.

Por iso, Caballero defendeu que os socialistas "están dispostos sempre a traballar en Galicia, por Galicia e para Galicia". "Coa esperanza nun futuro mellor e co orgullo do feito. Somos paixón e compromiso con Galicia", sentenciou.

OUTRAS INTERVENCIÓNS

No acto que acolleu a interpretación de 'Agardarei' a cargo de Emilio Batallán, tamén interveu o exministro de Xustiza Francisco Caamaño, quen destacou "a forza que ten o galeguismo socialista dentro da estrutura do partido". "A nosa alma propia xogou un papel importantísimo na consecución do Estatuto de 1981", reafirmou.

O presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén reivindicou o "galeguismo cívico e integrador que mire ao futuro e mire á xente", que é o que, asegurou, "defenden" os socialistas. O galeguismo que "traballa en favor do benestar, dos dereitos, da igualdade". "Diso trata o noso galeguismo", indicou.

Noa Díaz, deputada no Parlamento, citou a Ramón Piñeiro para subliñar que "para que unha colectividade humana teña categoría de pobo, ha de ter unha alma propia. E un pobo ten alma propia, cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia".

A expresidenta do Parlamento autonómico, Dolores Villarino, tamén tomou a palabra para recalcar que o Partido Socialista "leva 140 anos loitando pola igualdade, é dicir, desde sempre, non desde antonte". "E por iso somos feministas, ecoloxistas e de esquerdas", aseverou.

Mentres, o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, destacou que os concellos galegos "co esforzo de moitos compañeiros socialistas, tiveron historicamente un papel moi relevante na lexítima aspiración de dotar de poder político a Galicia".

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, na súa intervención na ofrenda a Castelao con motivo do 25 de xullo. PSDEG TWITTER
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, na súa intervención na ofrenda a Castelao con motivo do 25 de xullo. PSDEG TWITTER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Eu quixera ter un Estatuto que dixera que todo o que gastemos os galegos o paguen o resto dos españois (incluídos os cataláns mentras sigan dentro do Estado) ! Pode ser...?