A pandemia, unha oportunidade para volver aos mercados tradicionais?

Un seminario na Coruña estudará o impacto da covid sobre o comercio de proximidade, un debate que xa circulaba con anterioridade nos círculos expertos de economía.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

Coa pandemia --aparentemente-- nos seus últimos estertores, vai quedando claro que a covid cambiou algo máis que a actitude da poboación xeral ante as máscaras ou o xel hidroalcólico. O profundo freo que a situación sanitaria puxo á economía mundial a comezos do pasado 2020 podería deixar algo máis que unha recesión transitoria e unha nova bolsa de parados: podería servir para reformular un esquema económico que moitos ven obsoleto e de pouco futuro.

Mercado de Carballo (A Coruña), feira. CONCELLO DE CARBALLO
Mercado de Carballo (A Coruña), feira. CONCELLO DE CARBALLO

Esa será unha das teses que penderán sobre o Seminario sobre Economía de Proximidade que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo vén de convocar para A Coruña de cara aos primeiros días do vindeiro mes de setembro. Este centro público con delegación en Galicia vén de lanzar este seminario --que arrinca coa súa primeira edición-- para destacar a importancia deste concepto, a proximidade, no esquema económico pospandémico, xa albiscable detrás da vacinación dos máis mozos. 

Por proximidade, na práctica económica, enténdese a distancia que separa o produtor e consumidor dun determinado produto. Na actualidade, o modelo económico imperante na maior parte do mundo incide nunha distribución global de mercadorías, circunstancia que ata o momento era dada por feita pero que, ante os derradeiros cambios, podería quedar posta en entredito.

Dende a Universidade xa apuntan que este debate, malia ter estalado recentemente, xa circulaba entre os eidos expertos. “Hai tempo que institucións como a FAO --Organización da ONU para a Alimentación-- levan alertando sobre a confluencia dunha multiplicidade de elementos que poden arrastrar o planeta a unha situación crítica”. Entre estes estarían as barreiras proteccionistas, o quecemento global e, por suposto, os “virus e bacterias de difícil control”.

O IMPACTO NO MEDIO

Pero é que, “ademais das circunstancias que ameazan os fluxos de abastecemento dos produtos no mundo”, apuntan dende a Universidade, a propia situación do medio natural tamén “require unha toma de conciencia urxente e profunda que ha afectar á estratexia das distintas economías”. “Reducir os desprazamentos de mercadorías revélase unha condición indispensable para contribuír ao control do cambio climático”, destacan.

Para discutir estas cuestións os vindeiros e 6 o 8 de setembro na Fundación Luis Seoane da Coruña, o centro contará co profesor da Universidade de París André Torre, o europarlamentario Nicolás Casares e  o xornalista Julián Rodríguez Moscoso, O Seminario inclúe tamén dous talleres prácticos, a exposición de experiencias reais por parte de Muuhlloa, Fogar de Santiso, La huerta de Carmen, Trigo y Limpio e Gadis, e inclúe unha demostración gastronómica da man do chef Pablo Caridad. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta