Denuncian un recorte "sen precedentes" nos colexios galegos: "non se vai poder cumprir o protocolo"

A CIG asegura que algúns centros perderán ata quince profesores no vindeiro ano lectivo tras un "recorte" da Xunta que estaría a xerar malestar nas direccións e os inspectores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2021 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Nova denuncia da CIG-Ensino contra a xestión da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A formación sindical vén de cargar contra un “recorte sen precedentes” do cadro de profesores do sistema público en Galicia; que, segundo apuntan, se viría reducido a niveis inferiores a 2019 nunha rebaixa que afectaría á ESO e os cursos de bacharelato.

Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponte os exames de Selectividade ou Probas de Acceso á Universidade ?PAU ou ABAU- en Viveiro, Lugo, Galicia (España), a 7 de xullo de 2020. As probas de selectividade mantivéronse na Mariña (Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponte os exames de Selectividade ou Probas de Acceso á Universidade ?PAU ou ABAU- en Viveiro, Lugo, Galicia (España), a 7 de xullo de 2020. As probas de selectividade mantivéronse na Mariña (Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

 

A nova vén de saltar despois de que a Consellería de Educación achegara aos centros de Galicia información sobre a cota de profesorado do que disporán para o curso vindeiro. Ante este feito, a CIG vén de elaborar un estudo no que, segundo apuntan, chegaron a cifrar ata un 40% dos centros de Galicia. A conclusión é clara: os docentes veranse reducidos en case o 10% a nivel global, recorte que, de acordo co sindicato, poñerá en perigo a calidade educativa dos centros públicos en diversos aspectos.

 

Galicia sufriu un aumento do corpo docente durante o primeiro ano da pandemia para poder facer fronte aos protocolos da Xunta e o Goberno central, que, por motivos de distancia interpersoal, obrigaban a desdobrar aulas en distintas habitacións e, en consecuencia, a contar con máis profesores. Acontece que o recorte denunciado pola CIG non só prescindiría de “practicamente” todo ese reforzo, senón que iría máis alá para reducir por debaixo dos niveis de 2019 o número de profesionais docentes no corpo público da Comunidade. 

 

Dende a formación sindical apuntan que a nova xa está a xerar “malestar” en “moitas direccións” e “mesmo nalgúns integrantes da inspección educativa que non aforran críticas en privado”. Este recorte “sen precedentes” podería chegar a case un 10%, de acordo coas cifras da CIG, circunstancia que o sindicato censura particularmente porque, ao mesmo tempo, certos IES afectados verían aumentado o seu número de matrículas ou mesmo de grupo.

 

SEN GRUPOS DE APOIO

 

Esta situación “impresentábel”, a ollos do sindicato, podería reverter en serias dificultades para os docentes á hora de levar tarefas fundamentais para o desenvolvemento do curso vindeiro. Está, por unha banda, o propio protocolo sanitario, que se podería manter nos primeiros meses do ano se a vacinación deste grupo de idade non se completa. Segundo apuntan dende a Confederación, hai centros que xa lle alegaron á Inspección educativa que coa cota docente imposta non poderán cumprir o protocolo, sobre todo pola “reducida dimensión das aulas” e as “ratios elevadas”.

 

Algo semellante acontecerá coas ofertas educativas que ata o momento viñan ofrecendo estes centros, e que, ante a redución docente, poderían rematar caendo. Tal sería o caso de programas destinadas á mellora da aprendizaxe e o rendemento, a posibilidade de facer desdobres de apoio para o alumnado con máis dificultades, ou mesmo a escolla de itinerarios distintos. 

 

Por esta razón, a CIG apunta que as circunstancias de traballo nos centros galegos pasarán a ser “moito peores” despois deste recorte. Por esta circunstancia, instan os equipos directivos a “tomar parte” na resposta a estas medidas, “mesmo presentado a dimisión en bloque se non se produce unha rectificación” do plan. De igual forma, apuntan directamente á Consellería para facer unha “chama á responsabilidade” --“se diso algo queda”, ironizan-- e deter esta “sangría”. 

 

CENTROS MÁIS AFECTADOS

 

O informe da CIG recolle tamén unha serie de centros galegos que, de acordo coa formación sindical, se atoparían entre o máis afectados polo recorte da Consellería. Dende o sindicato apuntan que todos os IES seguintes verán reducido o seu cadro de persoal en, cando menos, cinco docentes; se ben a conta podería ir máis alá e mesmo triplicar a cifra apuntada en certos casos, non especificados.

 

A listaxe de institutos afectados é a seguinte: IES de Pastoriza, IES Fermín Bouza Brey, IES San Tomé de Freixeiro, IES Ramón Otero Pedrayo, IES Xoán Montes, IES Carlos Casares, IES de Melide, IES de Rodeira, IES Xunqueira I, IES A Sangriña, IES Arcebispo Xelmírez II, IES Perdouro, IES Lama das Quendas, IES Illa de Arousa, IES María Soliño, IES Armando Cotarelo Valledor, IES de Monterroso, IES de Soutomaior, IES Porto do Son, IES Terra de Turonia, IES Fontem Albei, IES Monte Castelo, IES Auga da Laxe, IES Manuel García Barros, IES Rosais 2 e Ies San Rosendo.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta