Feijóo redobra a aposta polo Xacobeo malia as recomendacións de expertos por empregos de calidade

O Consello Económico e Social vén de facer público un informe no que chama a reconducir a economía galega cara a sectores que xeren emprego de maior calidade. Namentres, o Goberno galego segue centrando os seus esforzos en maximizar os ingresos do Ano Santo a través da hostalaría e o turismo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O Consello Económico e Social de Galicia (CES) vén de facer pública a súa Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020, un informe anual que, desta vez, chega máis ben como un exame ao tecido produtivo galego tras o paso da pandemia da covid e as súas devastadoras consecuencias. O estudo chama a atención sobre o incremento da desigualdade entre os galegos, a problemática do envellecemento do rural e dá certos consellos non moi acordes á política económica da Xunta de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervén no acto de finalización das obras da intermodal de Ourense. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervén no acto de finalización das obras da intermodal de Ourense. DAVID CABEZÓN @ XUNTA

 

Mentes o executivo de Núñez Feijóo insiste en concentrar os seus esforzos no rendemento económico do Xacobeo, o ente presidido por Agustín Hernández --exconselleiro de Medio Ambiente e alcalde fugacísimo de Santiago polo PP-- insta directamente ás autoridades a

impulsar unha nova economía de maior produtividade e máis futuro.

 

Así, o CES chama a atención sobre a oportunidade que este escenario de “profundas transformacións” ofrece para “impulsar o cambio a un sistema produtivo máis tecnolóxico, innovador e sostible, xerador de crecemento económico e emprego de calidade”. Unha receita que choca de fronte coa estratexia da Xunta de Galicia de potenciar o Ano Santo, actividade dobremente estacional --porque o pulo se concentra nos meses do verán e, á parte, nin sequera é todos os anos-- e que queda enfocada, sobre todo, en traballos derivados do turismo e a hostalaría, considerados na investigación económica como sectores servizos de baixo valor engadido por antonomasia; é dicir, emprego de baixa calidade

 

O ditame do CES, elaborado por unanimidade no seu Pleno, ten carácter puramente consultivo, polo que a Xunta decidirá se toma ou non en consideración os consellos recollidos no documento, xa accesible ao público. O informe fai tamén fincapé no incremento das desigualdades que tiveron lugar por mor da pandemia en Galicia, unha circunstancia que vai paralela ao aumento do desemprego e o “deterioro” das contas públicas, aínda coas “medidas de choque postas en marcha polos distintos gobernos”.

 

ENVELLECEMENTO DO RURAL

 

A outra pata que abanea na economía galega non é outra que o envellecemento estrutural da poboación, unha circunstancia que pon moi difícil a sustentabilidade dun sistema de pensións de solidariedade interxeneracional como o que actúa en España sen depender da redistribución do Goberno central. O CES destaca que a problemática do envellecemento se concentra no eido rural, razón pola cal urxe a realizar políticas “dirixidas a cambiar esta situación a través do fomento da natalidade”, entre outras receitas

 

Finalmente, o Consello sostén que a pandemia tamén puxo en evidencia a “necesidade de protección e conservación da natureza”. “O cambio climático e a perda de biodiversidade xeran elevados custes económicos e sociais e agravan os riscos sanitarios; de aí a necesidade de protexer o medio ambiente, entre outras, potenciando a economía circular”, engaden.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta