Deseñan máis de 60 paquetes turísticos para comercializar o destino Barbanza Arousa

A iniciativa busca "situar á comarca entre as principais referencias galegas en materia turística".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2021 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O destino Barbanza Arousa estará moi pronto en toda a rede de axencias de viaxes de España e Portugal cunha oferta turística renovada e deseñada para competir nas canles de comercialización profesionais.

A Mancomunidade que conforman os municipios de Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo contratou ao turoperador Viaxes InterRías, primeira axencia de España na xestión de grupos e circuítos e un dos principais creadores de produto para colectivos e individuais, para executar un ambicioso e innovador proxecto e pór en valor os seus moitos recursos.

Tras varios meses de traballo, InterRías informou de que este martes foi presentado no auditorio de Rianxo o resultado, un total de 65 itinerarios, con temáticas de todo tipo, natureza, gastronomía, turismo activo, cultura, enoloxía ou, por suposto, para facer o Camiño de Santiago no único destino que permite aos peregrinos obter a Compostela por vía marítima ou terrestre, con ofertas específicas de aloxamento e todos os servizos.

Representantes dos municipios, a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro, e os directivos de Viaxes InterRías Fabián Buezas e Esteban Recamán, foron os protagonistas da presentación do proxecto, que pretende situar a esta comarca entre as principais referencias galegas en materia turística.

O presidente da Mancomunidade, Adolfo Muíños, fixo un breve percorrido por algúns dos principais reclamos do Barbanza para os visitantes, co Camiño Xacobeo A Orixe como principal referencia, mentres que Cachafeiro incidiu na necesidade de polos en valor a través da comercialización e quixo resaltar a confluencia dos paquetes deseñados por Viaxes InterRías coas empresas turísticas da zona.

Buezas e Recaman expuxeron os pormenores técnicos do traballo, tanto da fase de análise e recoñecemento in situ de todos e cada un dos recursos escollidos, como do posterior deseño de paquetes tras a recompilación de datos sectoriais e o mantemento de distintos encontros con empresarios e axentes turísticos.

Entre as 65 experiencias creadas figuran circuítos xerais de sete días e máis específicos, de catro ou cinco días de duración, centrados en miradoiros, paseos ou carreiros fluviais, aventura, parques naturais, illas e illotes, mar, patrimonio arqueolóxico, literatura, muíños e pazos, ou cultura mariñeira, entre outros.

A Pobra do Caramiñal
A Pobra do Caramiñal | Fonte: Turismo de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta