Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2021 | Actualizada ás 20:36
Xunta e colexios farmacéuticos ultimaron o convenio que permitirá dar un carácter homologado polo Servizo Galego de Saúde aos tests de antíxenos que se poden adquirir nas boticas, sempre que a proba autodiagnóstica se realice ante un responsable da farmacia que se encargará de expedir o certificado en cuestión se o resultado é negativo.
Fontes de colexios farmacéuticos galegos consultadas por Europa Press concretaron que, despois doutros pasos como ofrecer test de saliva e certificados de vacinación, avanzouse neste protocolo que dará pé a que os tests de antíxenos que se podían adquirir xa sen receita, por un prezo de entre 7 e 10 euros, poidan servir para entrar nun bar ou nun pub en Galicia.
O carácter autorizado deste certificado terá valor para locais de lecer ou outros establecementos na Comunidade naqueles municipios que o esixan dada a súa elevada incidencia da covid-19.
PACIENTES DO SERGAS E SEN PAUTA COMPLETA DE VACINACIÓN
Ademais, neste momento, a poboación diana comprende aos cidadáns con idades de entre 13 e 35 anos, é dicir, quen aínda non teñen a pauta completa de vacinación. Cada usuario terá acceso a catro probas e será preciso ser paciente do Sergas.
En canto ao procedemento, que realizarán as farmacias que se adhiran ao convenio de forma voluntaria, requirirá un consentimento por parte do usuario ou dos pais naqueles casos nos que sexa preciso.
PROBA NA FARMACIA
Máis aló, o proceso será sinxelo. O usuario chegará a unha farmacia e pedirá o test. Un responsable da botica supervisará que o 'autodiagnóstico' se realice de forma correcta e, no caso de que o resultado sexa negativo, poderá expedir o certificado.
Se é positivo en covid-19, a propia farmacia comunicarao ao Sergas e o diagnosticado terá que illarse de inmediato á espera de ratificar mediante unha proba PCR o resultado.
O usuario non abonará ningún outro pago polo certificado, segundo as fontes consultadas, á marxe do custo do propio test.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.