O negocio das vacinas: producilas custa un euro e chegaron a venderse por 24€

Un estudo da alianza People's Vaccine detecta "sobrecustes" na vendas de Pzifer e Moderna á Unión Europea. Defenden levantar as patentes para garantir un acceso universal ás vacinas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A carreira das vacinas, que meses atrás parecía lonxe de acadar unha meta, segue avanzando e achégase xa en Galicia á tan anhelada inmunidade de grupo. A situación é paralela nos países da contorna; coa maior parte de Estados da UE aproximándose tamén ao limiar que, agás sorpresa, permitirá retornar a unha vida prepandemia. Porén, nos países en vías de desenvolvemento, a situación é ben distinta: alí o virus segue circulando con liberdade ante un fluxo de vacinas que non acaba de engalar. 

Arquivo - Dose da vacina de AstraZeneca. EDUARDO SANZ - EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Dose da vacina de AstraZeneca. EDUARDO SANZ - EUROPA PRESS - Arquivo

A razón detrás desta loita pandémica en dous tempos podería estar nas presións do sector farmacéutico, que estaría a encarecer as doses das vacinas moi por riba dos custes de produción, dificultando enormemente o acceso dos países pobres a estes preparados. Esa é a denuncia que vén de desenvolver a alianza People’s Vaccine, unha organización mediante a cal unhas 70 plataformas piden a liberación de patentes para que as doses de Pzifer, Moderna e demais cheguen a todos os confíns do globo.

A problemática do negocio das vacinas estaría en que se trata dun mercado moi desigual, no que os produtores, por ter control sobre as patentes dos medicamentos, poden decidir que cantidade producen e a canto a cobran con case total liberdade. De aí que, de acordo con Oxfam Intermóns --outras das plataformas na alianza People’s Vaccine-- estas empresas estean a vender as súas vacinas a “polos menos” cinco veces os seus custes de produción.

O “sobreprezo” sopórtano, claro, as administracións públicas; ou, noutras palabras, os contribuíntes.  Segundo unha nova análise da alianza, as empresas  Pfizer/ BioNTech e Moderna están a cobrar aos gobernos 41.000 millóns de dólares de máis sobre o custo estimado de produción. Con estes datos na man, estiman que a UE podería ter pagado polas súas doses de  Pfizer/ BioNTech e Moderna un sobrecusto de 31.000 millóns de euros, o que equivalería ao 19% do orzamento total do ente comunitario para o ano presente.

PANDEMIA A DÚAS VELOCIDADES

Ese elevado prezo estaría a provocar que, de novo de acordo coa alianza, ambas empresas amentadas venderan ata a data máis do 90% do seu stock a “países ricos”. People’s Vaccine eleva aquí a conta do sobrecuste ao apuntanr que, en certos casos, as farmacéuticas chegaron a multiplicar “por 24” os gastos de produción estimados: aconteceu eu Israel, un dos países que primeiro tomou a dianteira no proceso de vacinación.

Unha muller recibe unha dose da vacina de AstraZeneca no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a 27 de maio de 2021, en Ourense, Galicia (España). Rosa Veiga - Europa Press
Unha muller recibe unha dose da vacina de AstraZeneca no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a 27 de maio de 2021, en Ourense, Galicia (España). Rosa Veiga - Europa Press

Dende a asociación ven con receo o anuncio de Pfizer apuntando que autorizaría a unha empresa surafricana a encher e envasar 100 millóns de doses para distribuír no continente. “Non é máis que unha pinga de auga nun océano de necesidade”, apuntaron dende a asociación, antes de incidir que “ningunha destas dúas empresas accedeu a transferir completamente a tecnoloxía e os coñecementos sobre a vacina a ningún produtor capacitado en países en vías de desenvolvemento, un xesto que podería aumentar a subministración global, reducir os prezos e salvar millóns de vidas”.

Por iso chaman a retirar as patentes das vacinas e permitir o acceso libre á produción destas para así rematar canto antes coa pandemia nos lugares máis desfavorecidos. Neste aspecto, as plataformas lembran que estes preparados de ARN mensaxeiro foron desenvoltas grazas aos máis de 8.000 millóns de dólares recibidos de administracións públicas. Estiman que a produción custa 1’2$ a dose --1’011€--, pero son vendidas, de media, a un prezo cinco veces superior. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta