A mentira como medio

Que ninguén se equivoque, os preguiceiros vividores folgazáns eses que viven á conta da Cataluña productiva somos nós. Nós os galegos, que xunto cos estremeños e mailos andaluces somos cerne e miolo da “L'Espanya subsidiada” que vive á conta da sufrida e productiva Cataluña. E nós, os estremeños e mailos andaluces somos cerne e miolo de “la España que nos roba”. Nós, eses ladróns somos nós. Case nada, todo tan nitidamente encapsulado nunha lacónica manifestación de deshumanizante e vil desprezo.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 06/01/2014

Comparte esta noticia
E perante esa afronta, pois claro, a gardar ese responsable silencio solidario de nación periférica. Ese sobrio e responsable silencio queda plenamente xustificado naquilo de que tódalas causas reclaman os seus sacrificios. O noso - solidarios e sacrificados que somos -,  perante tan augusta e nobre causa, é aturar a calumnia, sen replicar. Que barbaridade… Se algún recuncho non mundo queda que non ten débedas por pagar, é Galicia. Nada debe. A ninguén. E conste que de darse o caso, case seguro que sería máis livián cargar coa fame. E un preguntase: desde cando o secesionismo non pode ser defendido desde a decencia e a ética? Cando foi que a verdade se converteu nun estorbo? Tanto pesa que xa ninguén quere cargar con ela! Por que tanta mentira? A mentira é unha manifestación da maldade, refuxio do ruín. Por que esta entrega ao rancio fedor da calumnia? E de entre o de nós, aqueles que vexan en España un desprezable adversario ou unha ameaza que anden amodiño, e antes de fiarlles as costas aos seus productivos “aliados” unxidos nos óleos da condescendencia e beicidos polos deuses da soberbia, saiban que a coitelada está servida. Desta, tamén merecida. 
 
Defender a independencia, defender o que for, mais nunca, nunca!, deshumanizar aos demais. O argumento do roubo e mailo subsidio é calumnia, é indigno, é un entregarse á mentira como medio. É maldade. Ou sexa, é fraude. E nin a defensa da unidade de España nin o secesionismo necesitan de máis argumentos ca verdade. Os vieiros da verdade só levan á verdade. Será ese o problema?  Non obstante, seica o  Mais en mailo Junqueras (ámbolos dous o dixeron) agora sente afecto por nós. Se miramos ben de onde ven a cousa e todo o que se leva dito, desde “la España que nos roba” a “L'Espanya subsidiada”,  que os dos líderes do secesionismo catalán profesen agora sentir afecto por nós, os vagos preguiceiros que vivimos  “a costa de la Catalunya productiva”, non deixa de ser, neste empobrecido mundo do “sound bite”, un insulto máis aos que aínda nos enredamos no exercicio de pensar.  Non confían en España pero aman aos españois. Algo é algo; si, algo así coma o agarimo que se sente por un can doméstico do que se da por feito a intermitente travesura. Velaí aí o clímax da condescendencia. Velaí o máis ruín dos insultos. Canto mellor non estaba a cousa cando polo menos a clarividencia do desprezo era incontestable.
 
Calumnias e barbaridades aparte, é un dereito e un deber de toda comunidade humana defender os seus intereses (dentro dos marcos éticos universalmente recoñecidos), mais nunca depredar naqueles que perciban como máis débiles ou difamar para alimentar ambicións persoais. Non hai causa que xustifique a calumnia. E, como galego, confeso un repudio moi particular a cantos movidos pola avaricia, o odio ou o menosprezo incorran na sabotaxe para tratar de frear o investimento (merecido e necesario) para o desenvolvemento do país. E conste que a algúns xa non lle abondan os parlamentos do Estado para atacar e desprestixiar Galicia, agora seu xoio xa espalla por media Europa, salpicando as murallas Estrasburgo. Berran e reclaman frear os investimentos neses ningures inconsecuentes porque os cartos - de todos - fan falta para o eixo mediterráneo e mailos motores da economía do Estado. Esta difamación-depredación é particularmente desprezable cando é contra un pobo co  que se comparten lazos históricos que só poden ser obviados polas almas máis mesquiñas e os corazóns máis desnortados; ou sexa, por aqueles xa tan entregados a esa forma de odio disimulado (o do menosprezo e condescendencia) que se sente autorizados a publicitar calumnias tan desprezables como “L'Espanya subsidiada viu a costa de la Catalunya productiva”. Moi cerca, demasiado cerca, non tempo e no espazo (agardo que non nas intencións) doutras  vesánicas propagandísticas tan inesquecibles  como envelenada, das que non é preciso comentar.  
 
Nin o secesionismo nin o españolismo necesitan do abeiro da calumnia. A calumnia e maila mentira son e sempre han ser manifestacións da maldade. Alguén  imaxina ao gobernador de California dicindo “L'Luisiana subsidiada viu a costa de la California productiva”? Pois claro que non, tamaña mesquindade só é posible alí onde, abrigada pola escura sombra da hipocrisía, prende ás anchas a semente da bancarrota moral.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/