Denuncian que a Xunta evita recoñecer a deficiencia de dous nenos para poder pechar unha aula en Brión

Os 18 alumnos desta unitaria pasarán a estar nunha soa habitación, a pesar de contar cun rapaz inmunodeficiente para o cal a situación será "un risco" sanitario.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A xestión da Xunta de Galicia a respecto dos centros públicos da comunidade volve estar no punto de mira. Nas últimas xornadas veñen de xurdir diversas denuncias contra unha redución do corpo de profesores "sen precedentes", segundo a CIG, que podería recortar ata en cinco persoas a dotación de diversos centros galegos. Aínda que nun principio se apuntou aos institutos como os espazos máis damnificados, as últimas novas debuxan un panorama igualmente duro nas escolas infantís.

Escola unitaria de Brión
Escola unitaria de Brión | Fonte: Remitida

O caso da unitaria de Sabaxáns, en Brión, decorre por ese camiño. A ANPA organizada arredor deste centro da comarca de Santiago vén de denunciar o peche dunha das dúas aulas coas que contaba a escola, que a partir de agora pasará a "agolpar" os seus 18 alumnos nunha soa habitación. O problema estaría en que, segundo unha nai, a Xunta estaría evitando recoñecer a situación de dous rapaces con deficiencias porque, dese xeito, non podería executar o recorte anunciado. 

A aula da escola de Sabaxáns pecha tras perder o centro un dos dous docentes cos que contaba. Á parte, e segundo apunta esta nai, Sabaxáns dispoñía ata o ano pasado dunha profesora de apoio que se despraza á escola para atender os dous rapaces con necesidades especiais xa nomeados. A Xunta tamén tería reducido as horas desta profesional --a pesar de que ela pedía "máis", destaca a nai-- e, por riba, estaría evitando recoñecer a situación dos rapaces a nivel educativo. 

A problemática destes dous nenos é que, segundo apunta esta nai, non están inscritos como alumnos con necesidades especiais a ollos da Consellería. A pesar de que a dirección do centro xa conta coa documentación en regra, os responsables de inspección non se desprazaron aínda á unitaria a estudar o caso ou mesmo recoller os papeis; iso que a petición se realizou xa no curso pasado.

Segundo apunta a nai, se inspección recoñecera as necesidades especiais destes nenos, o número de alumnos pasaría a ser 20, xa que cada un destes rapaces contaría como dúas matrículas. Nese caso, a Xunta veríase obrigada a restituír o docente eliminado e manter as dúas aulas abertas. Pero, como apuntan, o recoñecemento segue sen facerse efectivo: “Non queren vir a recoñecela porque así élles máis fácil”, censura. 

"RISCO" SANITARIO

O peche da aula provocará que os 18 rapaces da unitaria de Brión pasen a ocupar unha habitación, circunstancia que non só dificultará manter a calidade docente dada ata o momento. Segundo apunta esta nai, os nenos apenas collerían na aula “fisicamente”; unha circunstancia que xa botaría por terra a posibilidade de dispoñer, como adoita acontecer nestes centros, de áreas específicas: “non vai haber zona de lectura nin de xogos, só mesas e nenos amontoados, porque as aulas son diminutas”, apunta. 

A problemática podería afectar tamén ao propio desenvolvemento das aulas. Sabaxáns aproveitaba, ata este ano, as dúas habitacións do centro para distribuír entre elas os nenos por razón de idade, que oscila entre os tres e seis anos. Porén, nestas novas circunstancias, o centro contaría cunha única docente para rapaces de necesidades moi diversas. Mentres uns seguen aprendendo a ler e escribir, outros precisan atención moito máis directa: "algúns dos máis pequenos non controlan esfínteres aínda", destaca a nai.

"ESTA ESCOLA VAI PECHAR"

Estas dificultades podería tornar en consecuencias de maior gravidade porque á unitaria de Brión asiste un rapaz con inmunodeficiencia. Coa configuración en dúas aulas, o curso 2020/2021 saldouse “sen un só contaxio”, segundo destaca esta nai “Os nenos nas clases non se unían en ningún momento, facían os recreos separados e non houbo que pechar ningunha aula”, apunta. Porén, coa reestruturación orquestrada pola Xunta de Galicia, as crianzas pasarían a recibir aulas nese único espazo; circunstancia que podería poñer en perigo a saúde do rapaz en cuestión. A nai consultada por Galicia Confidencial apunta que, ante esta situación, seguir mandando o neno á escola supón “un risco”.

Denuncian que inspección non atende as súas semanas, circunstancia que se replica coa Valedora do Pobo e a propia Consellería de Educación. “Só o Concello nos atende”, apunta esta nai integrada na ANPA, agora implicada en evitar este peche que podería rematar, apuntan, na clausura total das unitarias. “Se seguimos así en 4 ou 5 anos esta escola vai pechar”, apunta antes de lanzar un dardo á administración autonómica: “A Xunta moito fala de apoiar o rural pero cando poden pechan unha unitaria”, sinala en referencia ao peche da Escola A Luaña, tamén no municipio, efectuado en xullo de 2020. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lad

Feijóo é o novo Robin Hood galego, pero ao revés, rouba na pública para dárlle á concertada.