Denuncian unha agresión tránsfoba no festival 'O Son do Camiño'

Diversos colectivos trasladan os feitos ao Observatorio LGBTI da Xunta de Galicia para que os investigue.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A CIG, Amizando, Avante LGBT+, ALAS e Colectivo Agrocuir da Ulloa veñen de denunciar unha agresión capacitista e tránsfoba por parte do persoal de seguridade da empresa Menkepeer durante o festival 'O son do camiño' contra Eirin, persoa trans non binaria contratada por Impulso Social, que tamén se desentendeu deste suceso.

Actuación no festival de música O Son do Camiño-Perseidas no Monte do Gozo compostelán, a 14 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Actuación no festival de música O Son do Camiño-Perseidas no Monte do Gozo compostelán, a 14 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press

Os feitos tiveron lugar o pasado día 17 de xullo, cando "un membro da equipa de seguridade privada do evento ordena, nun ton agresivo e hostil, ao persoal contratado por Impulso Social que desenvolva tarefas que non son do seu cometido, aproveitándose de que son persoas con diversidade funcional e ante as que este traballador se posicionou en todo momento como superior", relatan dende a CIG, que subliñan que o vixiante exhibía unha máscara coa infografía dun corpo de seguridade do Estado, do cal evidentemente non forma parte.

Ademais, a vítima explica que estes feitos se desenvolveron "nun contexto de abuso de poder e hostilidade" no cal este membro de seguridade de Menkeeper "pretendía ter man de obra gratuita para a súa empresa", tomando a vantaxe de tratar con persoas con diversidade funcional e dándolle instrucións de incorporarse a outro posto de traballo desconexo totalmente do propio". 

COMPORTAMENTOS "AGRESIVOS E INTOLERABLES"

O labor de Eirín consistía en informar as persoas asistentes ao festival do bo uso da máscara, preparación de entradas e mantemento da distancia de seguridade. Ao trasladarllo ao persoal de seguridade, este respondeu "cun tono moi agresivo e amedrentador". A discusión foi medrando en hostilidade a medida que Eirin intentaba manter unha actitude conciliadora", indica a GIC nun comunicado.

Nun momento dado, "ao comprobar que Eirin empregaba termos neutros, que non respondía ao xénero feminino na súa interpelación, ao ver que levaba unha pulseira de tea coa bandeira trans no seu pulso e que en xeral non respondía a uns patrón de expresión de xénero que dende logo concordasen co que o vixiante considerase como respectable, comeza o agravio", prosegue a CIG. O vixiante "alza a súa voz" e sóltalle frases do tipo: “que te calles la boca”, “aquí vas a hacer lo que yo te digo”, “coges la puta maquinita y te callas”, “me da igual de donde vengas, aquí mando yo”, “ me la suda quien cojones seas”, “no me toques los huevos, vas a hacer lo que me de la puta gana".

Tras solicitar a presenza do responsable xeral de seguridade, só se presentou un dos coordinadores da empresa contratante, quen lle ofreceu "desculpas polo acontecido, mais sen lograr un apercibimento nin por parte da empresa responsable da seguridade, nin tampouco o auxilio médico requirido", indican dende a CIG, logo de que a vítima comezase a sufrir síntomas dunha crise conversiva. "Hai que salientar que estes feitos se saldaron co ingreso hospitalario de Eirin, polo que aínda está a tratamento".

MANIFESTACIÓN DE TRANSFOBIA

Organizacións como a CIG, Amizando, Avante LGBT+ e Colectivo Agrocuir da Ulloa denuncian que a agresión sufrida é unha manifestación de transfobia, que tanto pode manifestarse de formas máis sutís (complicidade, minimizar o impacto da agresión) como outras "claramente discriminatorias, frontais e evidentes para o conxunto de todes" (agresión verbal, abuso de poder e encubrimento do responsable do acontecido polo único membro da súa empresa presente no momento).

No comunicado lembran que a transfobia é “o conxunto de actitudes e comportamentos que xeran unha discriminación social cara as persoas trans e non binarias, condicionada por un sistema de opresión sustentado na cisnorma e na dicotomía sexo/xénero, que non só se refire a actitudes individuais, xa que constitúe tamén un sistema de marxinalización cara a poboación trans e con xénero disidente nos campos médicos, legais, educativos e laborais”.

Por este motivo, as organizacións mencionadas consideran imprescindible facer denuncia desta situación, de xeito que se solicite ás empresas relacionadas co evento que censuren a actitude do persoal de seguridade, e adopten as medidas que consideren oportunas para evitar que volvan acontecer este tipo de situacións. Neste senso, Avante LGBT+ e a CIG, trasladaran ao Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero estes feitos e solicitan unha actuación do organismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Que se pronuncie el benemérito cuerpo sobre a atitude deste seu hooligan infecto, xa ten bastantes enemigos como para ter amigüitos desta pelaxe