Detido un mozo por agredir e abusar sexualmente varias mulleres septuaxenarias na Coruña

O arrestado foi enviado a prisión tras pasar a disposición xudicial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional detiveron na Coruña un mozo de 19 anos ao que se lle imputa a autoría de 13 delitos; sete deles de agresión sexual, dous de abuso sexual, un de roubo con intimidación e tres de lesións, todos eles no barrio de Monte Alto da cidade herculina. As súas vítimas eran mulleres de máis de 70 anos.

Así o informou a Policía Nacional, que relatou que tivo coñecemento do primeiro feito no mes de xaneiro de 2020, cando tivo lugar de madrugada nese barrio coruñés, ao denunciar a vítima unha agresión sexual. Con posterioridade producíronse o resto de delitos. O último coñecido pola Policía foi unha agresión sexual con lesións cometida no mes de xuño de 2021 en Monte Alto.

Desde que se tivo coñecemento do primeiro feito, os axentes iniciaron as pescudas policiais para a identificación do autor. As mesmas fontes aclararon que unicamente se coñecían "certas características físicas e de indumentaria", dado que, engaden, "adoitaba actuar de madrugada, sen pronunciar palabra e ocultando o seu rostro con máscara cirúrxica, gorra e carapucha, o que dificultaba a súa identificación".

"Un elemento na dinámica delituosa que chamou poderosamente a atención dos investigadores da Unidade de Familia e Atención á Muller, foi a idade das mulleres vítimas, que na maioría superaban o sesenta anos", resalta a Policía. Así, tras meses de investigación obtivéronse "suficientes elementos indiciarios", sostén a Policía, que permitiron levar a cabo a detención o pasado martes, 27 de xullo.

Desde a súa detención levaron a cabo novas dilixencias de investigación, entre elas a de entrada e rexistro no domicilio familiar do presunto autor, no que se obtiveron "novos elementos probatorios", asegura a Policía.

PRISIÓN

Este pasado xoves día 29 o detido foi posto a disposición xudicial, tras o que se acordou o seu ingreso en prisión. Pola súa banda, a Policía considera esclarecidos "todos os feitos coñecidos e investigados", aínda que non descarta que "poidan xurdir novas denuncias de vítimas que decidisen permanecer no anonimato ata a data".

Por outra banda tamén se solicitou da autoridade xudicial resolución habilitante que permita a práctica dalgunhas dilixencias de investigación que, indica a Policía, "poderían contribuír tanto ao coñecemento de novos feitos delituosos como ao fortalecemento dos medios de proba dos delitos investigados".

Coche patrulla.. POLICÍA NACIONAL - Arquivo
Coche patrulla.. POLICÍA NACIONAL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta