Bugallo avoga por declarar de interese xeral as obras de ampliación do CHUS para "axilizalas"

Bugallo recoñece que queda "moi pouco espazo" para un aparcadoiro na contorna do hospital e aposta por "buscar prioridades".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avoga por declarar o "interese xeral" no proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS), unha vez o Consello da Xunta xa aprobou este xoves iniciar os trámites. Nunha rolda de prensa celebrada este venres, o rexedor asegurou que a intención de "axilizar" e "priorizar" estas obras a través da declaración de interese xeral é algo xa falado co resto de grupos --PP, Compostela Aberta e BNG--, xa que deberá ratificalo o pleno municipal.

"A nosa intención é facilitalo todo o que resulte posible", asegurou, non sen antes incidir na necesidade de ampliación do CHUS porque se dan "problemas de conxestión". Preguntado sobre a posibilidade de ampliar o aparcadoiro, Bugallo dixo que "non viu" este tema no proxecto da Xunta, pero recoñeceu que non sabe "onde se poden construír" porque queda "moi pouco espazo". Ao seu xuízo, só hai dúas solucións: ou ben "facelo subterráneo", algo que "o Concello non ten posibilidades de pagar nin o ten na súa orde de prioridades"; ou ben "tentar desenvolver o chan urbanizable" anexo.

"Teremos que priorizar: que é máis prioritario, que os pacientes teñan un quirófano ou que teñan onde aparcar o coche? Buscaremos as mellores solucións, pero temos que ser conscientes de que a ampliación continua deste complexo hospitalario require buscar prioridades", explicou o alcalde.

Con todo, Bugallo rexeitou que o Concello vaia "condicionar a aprobación" da ampliación do CHUS a unha solución co aparcadoiro, tendo en conta que o plan xeral de Santiago contempla un estándar de dúas prazas de aparcadoiro por 100 metros cadrados construídos. "Non imos esixir que se cumpra", avanzou, aínda que tampouco descartou modificar o plan para rebaixar esta esixencia a unha praza por cada 100 metros cadrados, tal e como expón a lei de chan de Galicia.

Hall principal do Hospital Clínico de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Hall principal do Hospital Clínico de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta