O PP reducirá os deputados da Cámara

Os partidos máis pequenos terán máis dificil entrar no Parlamento ao reducirse até 8 os escanos por provincia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/01/2014 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Feijóo e o seu partido seguirán adiante para rebaixar a Cámara galega de 71 a 61 deputados na vindeira lexislatura e iso, a pesares de non contar co apoio de ningún outro grupo político.

Pedro Puy Fraga
Pedro Puy Fraga | Fonte: ppdeG

De feito, os populares rexistraron este xoves a proposta para modificar a lei electoral autonómica e establecer o número mínimo de deputados por provincia en 8, fronte aos 10 da actualidade. Así o explicou o portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy. "Tentamos pactala cos grupos da oposición, que a rexeitaron e é dificilmente atacable desde o punto de vista de que o PP quere obter vantaxe electoral", apuntou.

Puy insistiu en defender esta propsota porque, dixo, o Estatuto establece unha franxa de entre 60 e 80 deputados. "O que queremos facer é un axuste nun momento de reformas administrativas e institucionais e lexitimamos así o poder público autonómico", engadiu ao tempo que negou que se trate de buscar vantaxes electorais. 

Con esta distribución, o número de deputados asignados por territorio sería de 32, un 52,46 %, fronte aos 40 da actualidade, un 53,3 % ; mentres que por poboación o número de deputados elixidos serían 29, un 47,54 %, fronte aos 35 da actual norma, que representan un 46,6 % da poboación.

Máis peso para Lugo e Ourense

Deste xeito, as provincias da Coruña e Pontevedra, as máis poboadas --e onde os grupos da oposición sacan mellores resultados-- , perderían 4 representantes cada unha e pasarían a elixir 20 e 18 deputados, respectivamente, fronte aos 24 e 20 da actualidade.

O descenso en Lugo e Ourense, as menos poboadas, sería de tres deputados en cada circunscrición, co que pasarían a elixir 12 e 11 deputados, respectivamente, fronte a 15 e 14, na actualidade. "Este sistema electoral non persegue só a representatividade, senón tamén a estabilidade e supón un comportamento razoable entre representatividade e estabilidade", defendeu.

Críticas da oposición

Con todo, os seus argumentos non convencen á oposición. "O PPdeG está a practicar o trilerismo político", dixo o deputado socialista no Parlamento de Galicia e exsecretario de Organización do PSdeG, Pablo García. "A cousa é sinxela. O señor Feijóo é hoxe presidente co 24% de apoio e sabe que non vai ter ese 24% de apoio e, polo tanto, quere garantirse a maioría absoluta con que o voten un de cada cinco galegos; e non lle deamos máis voltas", afirmou.

"Se (Feijóo) quere garantirse a maioría absoluta con menos votos a través desa maña e trilerismo político, aí non imos estar", dixo ao denunciar que unha reforma como a da Lei electoral "ten que ter certo consenso, pero ao señor Feijóo iso non lle importa".

Pablo García suliñou que reducir o número de deputados na Cámara galega sería "reducir democracia", "non porque lle conveña ou non ao PSOE, senón porque cremos, como no seu momento demostrámolo a pesar de que se podía facer, que sen consenso non é a mellor maneira de abordar estas cousas", concluíu.

Tamén a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Consuelo Martínez, criticou a proposta do PPdeG porque "non ten que ver coa crise" senón que persegue "manter a maioría parlamentaria sabendo que vai perder moitos votos".

Así, censurou que o PP poña "a crise como motivo" para facer esta redución de deputados xa que o obxectivo real é "manter o bipartidismo" e asegurarse unha "maioría parlamentaria". "É curioso que o PPdeG insista na repartición territorial, con máis peso para as provincias de Lugo e Ourense, menos poboadas, en comparación coa Coruña e Pontevedra", denunciou.

Mantense a actual barreira de 5 por cento por provincia. Na prática, ao reducirse o número de deputados, isto implica que calquera partido debe obter máis do cinco por cento dos sufraxios para ter opcións de lograr un escano.

Cuestionado por este detalle, o voceiro do PPdeG quitoulle importancia. Na súa opinión, o único que deben preocuparse os partidos extraparlamentarios e por conseguir votos. Ademais, Pedro Puy estima que será en Lugo e Ourense onde subirá o límite, pronvincias nas que "nas que non poñen as súas expectatvias os partidos extraparlamentarios".

De acordo aos prazos que rixen na Cámara Galega, a maioría do PPdeG estará en condicións de cambiar a Lei Electoral antes dos comicios europeos, a tempo de poder esgrimir na campaña o cumprimento dunha das promesas máis polémicas da lexislatura, pois o cambio significa que un partido en solitario modifica significativamente o sistema que rexe a democracia en Galicia, sen que ningunha outra forza o apoie.

Pola súa banda, a deputada do BNG Carme Adán cualificou a proposta do PPdeG de "redución da democracia e do autogoberno de Galicia". "Isto non é máis que tinta para non falar dos problemas verdadeiros dos cidadáns, como o paro e o aumento do custo da vida en áreas como a electricidade, os combustibles e outros bens e servizos básicos", dixo.

 

Ademais, criticou que o PP asegure que esta reforma non variará o resultado electoral e afirmou que iso é falso", xa que, segundo dixo, o partido no goberno trata de asegurarse unha maioría que "ten perdida na rúa polas súas nefastas políticas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 75 comentarios

3 Matraka

Coido que se os populares emprenden esta reforma sen contar con ningún dos outros partidos da cámara será unha reforma berlusconiana (degradando a política coma simples trámite para detentar o poder e mistificando o voto). A última reforma política, a do estatuto, no se fixo xq o grupo popular non estaba disposto, isto debería lembrarse. Se a cidadanía acredita na mensaxe de alegado aforro --hai un moi bon post no calidonia hibernia sobre a inexistencia dese aforro e dos perigos da infrarrepresentación das provincias atlánticas-- pois xa deberíamos ver qué fan os responsábeis de comunicación dos partidos da oposición, porque este é un asunto gravísimo e a opinión predominante é a de que "total, como están roubando todos" o que é algo un tanto superficial.

2 Ana

Se queren aforrar que se teña en conta a abstencion no reparto de escanos ou que recorten nas deputacions. Reducir escanos soamente fara que teñamos un parlamento menos plural e representativo, e penso que todos sabemos a quen beneficiaria iso. E por suposto, que todolos votos valgan o mesmo independentemente da provincia na que se resida.

1 Ostras Pedrín

Non, se xa sabemos que se fora polo progres o Parlamentiño sería como a Asamblea Do Pobo de Corea do Norte, que son case 700. Os de Scandinavian Airlines System frotaríanse as mans.

1 apitalevounaoraposo

os de corea do norde non cobran son asanblea do pobo non misero parlamentillo da "noxenta nación expañola" e os corruPPios son liquidados -O Frijoles da un golpe electoral para manter a unión de expaña, o unico malo e que deberian facer unha lei para que non poidese ser electo ese señor vello de oitenta que é un autentico inutil un nugallan e un golferas.... si señor unha lei inhabilitante para vellos ruinosos... https://www.youtube.com/watch?v=USA...

2 AGEncia de colocacion

O cantón mais pequeno de Suíza, que non chega a 100.000 habitantes, ten un parlamento cantonal de 200 deputados. Debe ser que os suízos son subnormais.