Feijóo prevé que a terceira semana de agosto baixen as restricións en "moitos concellos"

O presidente da Xunta afirma que Galicia está a piques de chegar ao pico da quinta onda de covid-19.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2021 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou, tras a última reunión do comité clínico, que as autoridades sanitarias esperan que a terceira semana de agosto se poidan relaxar as restricións fronte á covid-19 en "moitos concellos" de Galicia, entre os que se incluiría polo menos algunha das sete grandes cidades.

Apertura do lecer nocturno en Vigo
Apertura do lecer nocturno en Vigo | Fonte: MARTA VÁZQUEZ - EUROPA PRESS.

O presidente ratificou que Galicia roza xa o pico da quinta onda, polo que entre finais desta semana e principios ou mediados da que vén, tras unha fase de meseta, empezará a descender tanto o número de contaxios como a hospitalización en planta e en UCI en Galicia.

Feijóo vinculou a mellora dos datos coas últimas medidas tomadas --xa que o ciclo epidemiolóxico de 15 días está a concluír e os datos "melloran"--, á vez que avanzou que o comité clínico, que continuará reuníndose semanalmente este mes, podería empezar a rebaixar as restricións (que polo momento se manteñen en niveis similares ás últimas decretadas) na terceira semana de agosto.

"Moitos concellos, incluídas cidades, van baixar a niveis medios se todo segue comportándose como se está comportando. Poderemos abrir cidades e outras localidades a posicións máis tranquilas", avanzou, antes de lanzar, iso si, unha advertencia: que poida facerse ou non finalmente dependerá do "comportamento social, de non facer botellóns" e non favorecer a expansión do virus con actitudes pouco seguras en reunións sociais.

O presidente galego realizou estas declaracións un día despois de que o comité clínico acordase manter a todas as cidades en nivel alto polo menos ata a súa próxima reunión. En total son 62 os municipios que se atopan nesta franxa de limitacións, e nove aínda se atopan no nivel máximo: Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro, Monterroso, Meaño, O Grove e Sanxenxo; mentres que Boiro, Cambados e O Barco de Valdeorras pasan a nivel alto.

De seguir coa progresión actual dos datos, na liña co manifestado polo presidente, o previsible é que non todas as cidades descendan no chanzo das restricións á vez. A paradigma é Ourense, que sendo a primeira que alcanzou o pico, podería tamén, xunto a outras urbes, encabezar a nova desescalda, mentres que outras cidades quedarían máis atrasadas.

APERTURA DO LECER NOCTURNO

A relaxación das restricións tería impacto a diferentes niveis. E é que, por exemplo, no caso das localidades en nivel máximo de limitacións, con lecer nocturno pechado, esíxense certificados covid-19 para acceder ao interior de locais de hostalaría, cuxo aforamento está limitado ao 30% e ao 50% en exteriores --de acceso libre--. As reunións están prohibidas entre non conviventes entre as 1,00 horas e as 6,00 horas da madrugada; mentres que durante o resto de día, deben ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

Os municipios en nivel alto tamén pechan os seus locais de lecer nocturno e esixen certificado covid-19 para acceder ao interior de locais de hostalaría, cuxo aforamento está limitado ao 50%, igual que os exteriores --de acceso libre--. As reunións están prohibidas entre non conviventes entre as 1,00 horas e as 6,00 horas da madrugada; mentres que durante o resto de día, deben ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

En cambio, os veciños de concellos de nivel medio dispoñen de locais de hostalaría, sen necesidade de certificados covid-19, ao 50% da súa capacidade --tanto en interior como en terrazas--. Onde si necesitan certificados é para o lecer nocturno, que abre ata as 3,00 horas. Ademais, as reunións de non convivientes entre as 3,00 horas e as 6,00 horas da madrugada están prohibidas, mentres que durante o resto de horas, deben ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

No nivel medio-baixo, os concellos contan coa hostalaría cun 100% de aforamento en terrazas e 50% en interior, sen necesidade de certificados covid; mentres que o lecer nocturno abre ata as 3,00 horas, coa obrigatoriedade de presentar certificados. As reunións de non convivientes entre as 3 e as 6 da madrugada están prohibidas, e para o resto de horas, deben ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

FEIJÓO DEFENDE O CERTIFICADO COVID EN HOSTALARÍA

Na súa intervención, o presidente galego destacou que Galicia roza o 72% da poboación diana xa inmunizada con dobre dose; mentres que o 78% xa recibiu unha dose; e o 94% dos maiores de 40 xa está inmunizado coa pauta completa.

Nesta conxuntura e, a pesar de que se conta con menos vacinas das que a Comunidade "desexaría", volveu a defender compatibilizar a defensa da saúde pública con preservar a economía, co foco na hostalaría. E no medio do debate estatal sobre o certificado covid, volveu a defender que se solicite para o acceso a interiores unha PCR negativa, ou ben o certificado de vacinación ou o de pasar a enfermidade.

"Seguro que os hostaleiros entenden que é mellor permanecer abertos que só as terrazas", dixo Feijóo, quen insistiu en que as medidas da Xunta axústanse a "unha metodoloxía europea (seguen a liña das esixencias de varios países) e contrastada", que tamén "pon en valor" o proceso de vacinación, por exemplo, entre os mozos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os galegos en xeral somos ben mandados... levamos 17 meses aturando todo tipo de confinamentos e restriccións (moitas delas estúpidas pero decretadas inconstitucionalmente por Su Sanchidad!) Agora que a Generalitat vén de publicar cas festas multidinarias permitidas dende o San Xoán deron como resultado 2.500 infectados, en Vigo imos ter un finde Marisquiño Delta para recoller os contaxios durante o resto do verán! Outros queren abrir estadios de fultbol ! Outros falan da Recuperación e marchan de vacacións a fincas exclusivas ben aireadas ! Mentras media Galicia traga e soporta as restriccións... outros seica anda a xogar coa pandemia ! Y eso que a OMS o sigue a ter moi claro: do que se trata de de salvar vidas, non de vacinar aos rapaces que andan de botellón en botellón ! Así anda a cousa de momento ! De Vacacións !!!