A melatonina, un protector contra a covid-19

Científicos de Galicia, Madrid, Portugal e India piden máis apoio público á investigación sobre esta hormona, que se mostrou eficaz para reducir o risco de morte nos enfermos graves infectados co coronavirus SARS-CoV-2.

Por Alberto Quian | Madrid | 15/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A investigación para o tratamento médico da covid-19 continúa. Aínda que as vacinas foron unha prioridade na carreira científica contra a enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2, o desenvolvemento de tratamentos para os síntomas da enfermidade segue sendo fundamental, como ocorre con outras enfermidades víricas, como a gripe, por exemplo. Porque as vacinas, aínda que extraordinariamente efectivas, non garanten un 100% de protección e témese, ademais, que poidan ser menos eficaces se seguen aparecendo novas variantes do coronavirus. Nesa batalla contra a covid-19, a melatonina posicionouse como unha arma máis para paliar os efectos da enfermidade.

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Varios estudos recentes apuntan que a melatonina –un tipo de indolamina– actúa como axente protector contra a covid-19 e mesmo axuda a reducir os efectos secundarios das vacinas contra o SARS-CoV-2 e a reforzar a súa eficacia.

“A melatonina ofrece unha protección múltiple, mantendo a súa eficacia fronte ás variantes de virus que xa están xurdindo e que xurdirán”

Científicos de Galicia, Madrid, Portugal e India veñen de publicar un traballo no que salientan a seguridade e eficacia terapéutica da melatonina para tratar a covid.19.

“O aval da melatonina como posible axente protector contra a pandemia actual está indirectamente avalado polo seu papel beneficioso amplamente demostrado nos estudos clínicos e preclínicos doutras enfermidades respiratorias”, introducen os investigadores, que defenden que esta hormona proporciona “unha protección múltiple, mantendo a súa eficacia fronte ás variantes de virus que xa están xurdindo e que xurdirán mentres o SARS-CoV-2 siga circulando entre nós”, explican.

Investigacións científicas demostraron que a melatonina xoga un papel importante na regulación de diferentes funcións fisiolóxicas, incluíndo a protección fronte ao dano oxidativo producido polos radicais libres e a mellora do sistema inmunitario, ademais de exercer efectos antiinflamatorios, anticancerosos, neuroprotectores, cardiovasculares e antidiabéticos directos.

Nos últimos meses, numerosos investigadores fixeron fincapé no potencial terapéutico da melatonina. O foco de interese é a modulación das respostas inmunoinflamatorias e a protección contra os danos oxidativos. Estas dúas propiedades –apunta este grupo de investigadores– son os principais piares nos que se basea o compromiso de moitos científicos coa administración de melatonina para combater a patoxenicidade do SARS-CoV-2 e doutros virus.

Na súa revisión da literatura científica, apuntan a estudos nos que a melatonina mostrou capacidade de reducir o risco de covid-19 até nun 64% e outros nos que os pacientes que tomaban melatonina tiñan un risco reducido de infección por SARS-CoV-2. E son varios os traballos que salientan a seguridade e eficacia desta molécula sobre outros candidatos a fármacos terapéuticos contra a covid-19, ou para mellorar a resposta inmune á vacinación.

“A melatonina pode modular inmunidades innatas e adaptativas, evitando a reacción excesiva e a escalada da tormenta de citoquinas”

A melatonina podería, ademais, reducir o risco de morte en enfermos graves con covid-19. Diversos estudos suxiren que algúns infectados co novo coronavirus xeran unha resposta inmune hiperactiva que deriva no que se coñece como tormenta de citoquinas, isto é, unha resposta inflamatoria descontrolada e xeneralizada do sistema inmunolóxico e potencialmente mortal. De feito, esta resposta asóciase cunha hiperinflamación e a aparición da síndrome de insuficiencia respiratoria aguda ou síndrome de distrés respiratorio agudo, que se describiu como a principal causa de mortalidade por covid-19. Pois ben, “a melatonina pode modular inmunidades innatas e adaptativas, evitando a reacción excesiva e a escalada patolóxica da tormenta de citoquinas”, apuntan os investigadores.

“Noutras palabras, a índolamina axuda a aumentar a tolerancia do hóspede e a superar o ciclo viral, evitando o dano sistémico de tecidos e órganos”, engaden.

A comunidade científica apunta a que a análise da melatonina como fármaco potencial contra a covid-19 debe facerse desde a perspectiva do control das respostas do hóspede ante a infección viral, especialmente con respecto ás progresións graves da enfermidade, xa que estas respostas inflamatorias adoitan ser mortais.

Nesta liña, a evidencia científica demostrou que a melatonina é un poderoso eliminador de radicais libres para reducir o dano oxidativo dos tecidos e tamén é un axente antiinflamatorio efectivo para deprimir as tormentas de citoquinas. Como resultado, a melatonina pode aumentar a tolerancia do hóspede aos patóxenos e aforrar un tempo precioso para que os pacientes desenvolvan unha resposta inmune adaptativa e finalmente se recuperen do ataque dos patóxenos.

"Esta indolamina debería ocupar un lugar preferente entre as moléculas a probar para o control da hiperinflamación de pacientes con covid-19" 

“Aínda que a melatonina non ten capacidade virucida per se”, hai evidencias de que como complemento “intercede favorablemente, erradicando a patoxenicidade de virus altamente mortais”, destacan os científicos de España, Portugal e India.

Así, “tendo en conta o perfil farmacolóxico da melatonina, na que destacan formidables habilidades homeostáticas para moderar a inflamación, mitigar o estrés oxidativo e modular a resposta inmunitaria, esta indolamina debería ocupar un lugar preferente entre as moléculas a probar para o control da hiperinflamación de pacientes con covid-19 e aumentando o éxito do seu manexo clínico”, expoñen estes expertos.

MENOR MORTALIDADE

Médicos da Fundación Jiménez Díaz, en Madrid, veñen precisamente de adiantar os resultados dunha análise retrospectiva que mostra unha asociación da melatonina coa supervivencia de pacientes con covid-19.

Os expertos recolleron datos dunha mostra de 2.463 pacientes infectados e hospitalizados durante a primeira onda da pandemia no hospital madrileño, tanto na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) como na Unidade de Coidados Intermedios Respiratorios (UCIR), e que foron divididos en dous grupos, segundo recibisen ou non melatonina.

Os seus resultados indican que os pacientes do grupo receptor da hormona –aos que se administraron de 2 a 6 miligramos de melatonina vía oral– mostrou unha taxa de mortalidade moito menor, en comparación co grupo que non a recibiu (10,7% fronte ao 23,7%).

Este estudo mostra “o primeiro conxunto de datos dunha análise ampla” sobre o efecto da melatonina na evolución clínica dos pacientes ingresados ​​neste hospital madrileño ao longo de toda a pandemia, segundo os seus autores.

Os autores destacan que o seu traballo é un dos primeiros en mostrar “datos clínicos reais que avalen un posible beneficio desta hormona en covid-19”.

Na súa opinión, “un posible mecanismo fisiopatolóxico para explicar a vulnerabilidade relacionada coa idade nos pacientes con coronavirus é a perda progresiva de melatonina endóxena co envellecemento”. Así mesmo, consideran que “é moi probable que a alteración circadiana que sofren os ingresados na UCI, e posiblemente outros hospitalizados, tamén contribúa á fisiopatoloxía dos pacientes con enfermidade aguda por covid-19”. Por iso, cren que “o fortalecemento do ritmo circadiano mediante a administración de melatonina e outras medidas como a iluminación diúrna e a actividade adecuadas poderían ser, por tanto, beneficiosas non só para o tratamento da covid-19, senón tamén para outras enfermidades”, engaden os especialistas.

A melatonina podería tamén reducir efectos secundarios raros e graves das vacinas contra a covid-19

Estes expertos recoñecen que a análise retrospectiva lles “impide establecer unha relación causal entre a melatonina e a supervivencia” nos pacientes infectados co coronavirus SARS-CoV-2. Con todo, salientan que “xa se están realizando estudos prospectivos para avaliar a utilidade da melatonina como tratamento adxuvante para covid-19”. Pero na súa opinión, “non hai tempo que perder” e, “dado o perfil de seguridade e baixo custo” da melatonina, consideran que os resultados do seu estudo “poden axudar aos médicos a considerar o uso de melatonina en pacientes con covid-19”.

A melatonina podería tamén reducir algúns efectos secundarios raros e graves das vacinas contra a covid-19, así como reforzar a eficacia do soro. Cando menos é o que defenden o doutor Jan Tesarik, da clínica MarGen de Granada, e o investigador Russel Reiter, da Universidade de Texas (Estados Unidos), nunha carta ao editor da revista científica Journal of SARS-CoV-2 and Coronavirus Disease.

“Seguindo o principio de primeiro non facer dano, débese salientar que o tratamento con melatonina ten unha ampla marxe de seguridade sen efectos adversos graves. Se se administra xunto coa vacina contra a covid-19, é probable que reduza o risco impredicible de reaccións alérxicas graves, sen ningún risco de dano adicional para a saúde”, subliñan.

VACINAS, PERO TAMÉN FÁRMACOS

O desenvolvemento e aplicación de vacinas contra a covid-19 concentrou os maiores esforzos e atención ante a urxencia da pandemia de covid-19. Porén, é igualmente importante desenvolver fármacos que axuden a paliar os efectos desta enfermidade, especialmente polo feito de que “a aparición recorrente de variantes xenéticas do SARS-CoV-2 suscita a sospeita de que a pandemia actual levará a futuras ondas epidémicas estacionais”, advirten os científicos de España, Portugal e India.

“Nun tempo no que as vacinas comezan a distribuírse en moitos países industrializados, algunhas organizacións internacionais sanitarias denuncian a fenda de acceso nas comunidades pobres, reclamando unha distribución xusta da medida única que, a medio e longo prazo, pode deter o desafío en curso da pandemia de covid-19 e salvar millóns de vidas. Neste sentido, prevemos que a melatonina pode ser un paliativo inmediato, eficaz e global”, engaden os investigadores.

Na súa opinión, “a necesidade de tratamentos paliativos contra a covid-19 non desaparecerá malia a extensión mundial das campañas de vacinación e, polo tanto, a importancia da melatonina non se restrinxe ao control da pandemia actual, senón que se proxecta para o manexo clínico da enfermidade no futuro”, afondan.

“Como a melatonina non é patentable, probablemente non produza un alto beneficio para as empresas; polo tanto, a idea debe ser investir máis cartos públicos"

Segundo estes expertos, “ao ser unha molécula natural, moi estudada, con alta dispoñibilidade e tolerabilidade, segura e de baixo prezo, a relación custo/beneficio é extremadamente vantaxosa”. Por isto, consideran “imprescindible estruturar un programa internacional de ensaios clínicos, de baixo custo, pero cun enorme beneficio potencial de dimensións históricas”, resaltan.

“Na nosa opinión, o estudo das posibilidades clínicas da melatonina suplementaria no manexo de covid-19 non é simplemente outra opción a probar, é un deber ético”, advirten os investigadores, que animan a poñer en marcha “inmediatamente” programas de investigación sobre o potencial desta hormona para reducir a morbimortalidade e, “o máis axiña posible, poñer en mans dos médicos unha estratexia exitosa para o manexo clínico da covid-19”.

Para acadar un enfoque terapéutico clínico de todas as patoloxías que a melatonina parece mellorar, soa ou en combinación con outros tratamentos, estes científicos ven “necesario máis apoio económico” para a investigación. 

O problema, din, é que “como a melatonina non é patentable, probablemente non produza un alto beneficio para as empresas; polo tanto, a idea debe ser investir máis cartos públicos, o que revertirá nunha mellor saúde na poboación. Segundo se informa, a melatonina parece promover a saúde dos pacientes e, ademais, salvar a vida dos pacientes máis críticos”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta