Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/08/2021 | Actualizada ás 19:44
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, expresou a "preocupación" do Goberno polo "incremento" de contaxios de coronavirus nas residencias de maiores, e avanzou que xa están a traballar coas comunidades autónomas para adoptar as medidas necesarias para manter estes centros "libres de Covid".
"Abordamos o tema das residencias de maiores. Preocúpanos o incremento de casos e encomendamos ao relatorio de alertas, que xa se reuniu hoxe, que valore a situación e propoña unha serie de medidas para seguir mantendo as nosas residencias libres de Covid", explicou Darias este mércores na rolda de prensa posterior á reunión do Consello Interterritorial de Saúde.
A ministra indicou que as residencias de maiores foron "as institucións máis golpeadas ao comezo da crise", cuns 30.000 maiores falecidos, e por iso, lembrou que priorizaron este colectivo na campaña de vacinación.
"Imos seguir esperando que o relatorio de alertas faga propostas e xa estamos a traballar da man das comunidades autónomas para ir adoptando as medidas que sexan necesarias para que as residencias sexan contornas seguras", subliñou Darias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.