Critican que a Xunta levou a cabo unha "estratexia tramposa" cos recortes do profesorado

A Nova Escola Galega califica de "inadmisibles" os recortes en educación cando a pandemia aínda non se superou.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Ante os recortes dos cadros de profesorado anunciados pola Consellería de Educación, Nova Escola Galega denuncia o que considera unha actuación "inadmisible". Os rateos de alumando por profesor, a redución de espazos, os desdobramentos, a atención á diversidade, a optatividade de materias -especialmente no rural- e os servizos educativos en xeral poden verse afectados polo recorte dos cadros de profesorado. 

Aula escolar
Aula escolar | Fonte: EP

Ante os recortes anunciados para o curso 2021/22, Nova Escola Galega recorda que aínda estamos "nunha situación de absoluta incerteza ante unha pandemia que non dá rematado", polo que piden unha dotación de persoal acorde cun sistema educativo que debe garantir a igualdade de oportunidades. 

No curso pasado, marcado polos protocolos covid, a dotación de profesores -grazas a diferentes fondos- permitiu que se puidesen establecer quendas de atención ao alumando, organizar desdobramentos e garantir as medidas sanitarias establecidas. Nova Escola Galega afirma que este cadro de persoal permitiu que o sistema "funcionase dignamente nun tempo absolutamente convulso e incerto"

Ademais, dende Nova Escola Galega cualifican de "trampulleira" a estratexia levada a cabo pola Consellería de Educación. "Primeiro é o anuncio duns recortes absolutamente delirantes para, nunha segunda fase recortar os recortes de tal maneira que parece que non son tal. É unha estratexia absolutamente deshonesta e impropia dun goberno serio", critican dende o movemento. 

OPOSICIÓNS QUE VALOREN A EXPERIENCIA DOCENTE

Pola súa banda, a Asociación Nacional de Profesores Estatais (ANPE) reivindica un sistema de acceso á función pública docente a través dun concurso de oposición no que se valore a experiencia docente ata o máximo legal posible. Dende o sindicato apostan por ofertas de emprego público amplas, que cubran as necesidades reais da ensinanza pública. "As melloras do actual modelo de ingreso á función pública ten que pasar por establecer un sistema máis obxectivo e garantista, que ofreza seguridade xurídica a opositores e tribunais", apuntan dende o sindicato.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta