Educación xustifica os "axustes" de profesores e defende que Galicia terá o próximo curso "todos os necesarios"

O conselleiro defende que o persoal de profesorado do próximo curso vai ser "maior" que o de 2019-2020.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/08/2021 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xustificou os "axustes" de profesores que o Executivo galego levará a cabo no curso 2021-22 e defende que Galicia terá "todos os necesarios" para facer fronte aos condicionantes "sanitarios" e "demográficos".

Aula escolar / Xunta de Galicia. / Europa Press
Aula escolar / Xunta de Galicia. / Europa Press

Rodríguez respondeu así ás críticas que recibiu nas últimas semanas, tras coñecerse que a Xunta vai reducir o profesorado de reforzo para o próximo curso. O conselleiro detallou que Galicia, ao contrario doutras comunidades autónomas, "desenvolveu o período escolar cunha presencialidade plena".

"Imos seguir na liña de traballo deste curso, que se desenvolveu sen maiores complicacións" afirmou o responsable de Educación. Tamén puxo en valor que o persoal de profesorado vai ser "maior" que a do curso 2019-20, que estivo partido polo comezo da pandemia en marzo de 2020.

A este respecto, explicou que é "habitual" que se leven a cabo remodelacións e cambios na estrutura do sistema educativo "a estas alturas do ano". "O que se busca é unha adecuación aos condicionantes que marcan cada momento", engadiu o membro do Goberno galego.

"MELLOR COCIENTE"

Román Rodríguez, que foi interpelado en varias ocasións polos partidos da oposición e polos sindicatos do profesorado para que explique os motivos da redución, expuxo que Galicia é, xunto con Estremadura, a comunidade española con mellor cociente de alumnado nas súas aulas, e unha das que mellores índices de calidade e de equidade presenta no marco da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE).

O conselleiro tamén afirmou que o cociente de alumnado en Galicia está "moi por baixo da pinza que establece a nova lei de educación", coñecida como LOMLOE, "que aprobou o PSOE xunto aos seus socios de goberno". Ademais, valorou positivamente que a Consellería "consolidase 4.000 novas prazas de profesores funcionarios" nos dous últimos anos.

"As críticas dos sindicatos son respectables, pero isto non é un debate puramente laboral e sindical", sinalou Rodríguez, "tamén é un debate educativo". O conselleiro comprometeuse a que a Xunta dará resposta a calquera situación "sanitaria" ou "demográfica" que se expoña durante o próximo curso.

EDUCACIÓN ESPECIAL

O titular de Educación asegurou que "en ningún caso" os recortes en profesorado "porán fin á educación especial", tal e como afirman colectivos de nais, pais e alumnos (ANPA). Ademais, detallou que Galicia é a comunidade autónoma que "maior atención á diversidade presta".

"Non son datos da Consellería, veñen directamente de informes e estudos ministeriais", engadiu. Rodríguez foi contundente á hora de asegurar que a remodelación do persoal de profesorado afectará a educación especial. "A Consellería porá todos os seus recursos para que a este tipo de educación non lle falte nada", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta