A Xunta saca a concurso o proxecto para a construción da nova sede do Imelga

As bases poden consultarse na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e o prazo de presentación dos traballos finalizará o 6 de outubro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicou na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o concurso de ideas para a construción da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela.

Esta convocatoria, tal e como informou a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo nun comunicado, enmárcase no convenio asinado en xullo co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e suporá un investimento autonómico de máis de catro millóns de euros. A Consellería subliñou tamén que a Xunta xa reservara unha partida de 320.000 nos orzamentos deste ano para este proxecto.

"O obxectivo é dotar o Imelga dunha sede de referencia na Comunidade para a investigación médico-científica legal", para o que, no concurso, se seleccionará --previo á licitación do procedemento para a redacción do proxecto-- "a mellor idea que sirva de base ao proxecto técnico, básico e de execución". Inclúense, ademais, os estudos de seguridade e saúde, o estudo de xestión de residuos, a certificación enerxética e o proxecto de telecomunicacións das obras do edificio.

A proposta técnica debe incluír unha memoria da solución proposta na que se baseará a construción, "detallando aspectos relacionados co deseño, a calidade dos materiais empregados, e a integración e innovación; así como a estimación do custo da edificación e das probas técnicas previas á redacción do proxecto".

Ademais, en canto ao programa de necesidades a desenvolver, os pregos do concurso recollen que no deseño se priorizará a funcionalidade e accesibilidade das instalacións, o aproveitamento da iluminación natural con zonas diáfanas, a flexibilidade e versatilidade da idea en caso de querer realizarse modificacións, así como un bo sistema de arquivo.

BASES E PREMIOS

As bases completas do concurso poden consultarse tanto na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, como na páxina web do COAG. O prazo de presentación dos traballos será de dous meses e finalizará o 6 de outubro. Os gañadores, segundo se sinalou no comunicado, recibirán un premio de 15.000 euros; e os segundos, terceiros e o tres accésits repartiranse unha contía de 40.000 euros. Ademais do premio, os gañadores encargaranse de redactar o proxecto definitivo e a dirección das obras, cun investimento máximo prevista de 268.400 euros polos seus honorarios.

A Consellería apuntou que o novo edificio será a sede da dirección do Instituto en toda a comunidade e a da Subdirección de Santiago, unha das sete coas que conta a institución no sete cidades galegas. A superficie útil do edificio, nunha parcela cedida polo Concello de Santiago de Compostela, superará os 3.200 metros cadrados.

Presentación do concurso de ideas para a futura sede do Imelga en Santiago
Presentación do concurso de ideas para a futura sede do Imelga en Santiago | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta