Amorodo: "Dende o rural tamén se pode facer rap"

O rapeiro de Arbo acaba de publicar o seu álbum "Pancentrismo", un traballo persoal co que reivindica, entre outras, o galego e a importancia do rural.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Chámanlle Amorodo, pero o seu nome é Xavi Simón. Se se lle pregunta pola orixe do seu nome artístico, nin sequera el o ten moi claro: "Unha compañeira de clase chamábame Amorodo, pero non recordo por que. Pero gustoume". Xavi, ou Amorodo, naceu en Vigo, pero de neno xa se mudou a Arbo, aldea que o viu medrar. Agora, con 21 anos, vén de presentar o seu segundo álbum, Pancentrismo, que viu a luz o pasado 30 de xullo. 

Xavi Simón (Amorodo) actuando
Xavi Simón (Amorodo) actuando | Fonte: Fotografía cedida

"Fago rap e escribo na lingua de Castelao". Así se describe na biografía das redes sociais. A descrición non se escapa da realidade, pois recorda que dende pequeno escribía o que se lle pasaba pola cabeza. Foi no 2018 cando decidiu poñerlle ritmo aos seus textos, empezando así a súa carreira como músico. Porén, algo do que se arrepinte é non ter máis formación neste campo, aínda que si que asistiu a clases e toca a gaita. Medrou nun ambiente galeguista, como el mesmo afirma, e escoitando a grupos como Dios ke te crew, un dos que máis o marcou. 

Para coñecer a Xavi, o seu tema Estilo Amorodo podería ser unha boa carta de presentación. "Chándal e camisa, estilo amorado - un dos versos da canción - é como son eu, a perfección e o caos ao mesmo tempo". Foi con este tema, xunto Quero, co que acadou o 1º posto do Certame Xuventude Crea 2020 na modalidade de música. Este recoñecemento foi para el un dos máis satisfactorios, que o animou a confiar máis no que facía e que a súa música podía gustar.

Co seu novo álbum, Pancentrismo, quere transmitir unha idea semellante. “Un eclepticismo imperfecionista”, así o define el, referíndose ao feito de combinar moitas cousas distintas, pero “abarcándoo todo non se pode ter todo o perfecto”. A idea tamén se reflicte na portada do disco, deseñada polo ilustrador Milu Torrado, na que “a pesar da espiral áurea, se debuxa un universo no que tamén hai caos”, como explica.

Como o propio Amorodo explica, o disco componse de 11 temas, cun prólogo e un epílogo, dándolle ao álbum unha estrutura narrativa na que “cada canción é un capítulo que trata un tema diferente”. A creación de Pancentrismo foi lenta, e viuse interrompida pola pandemia. “Para min o confinamento foi difícil porque me inspiro moito nos bos momentos, na novidade, cando quedo cos amigos. Ao principio pensaba que con tanto tempo libre podería escribir novos temas pero ao final non foi así”. O traballo detrás do álbum, no que ademais colaboran outros artistas como o TIAM GZ, Atrapgz ou o Rabelo, comprace moito a Amorodo. Por encima dos números e o alcance da súa música, co que se queda é coa súa propia satisfacción e coas mensaxes de cariño que recibe.

“DENDE O RURAL TAMÉN SE PODE FACER RAP”

Se de algo está orgulloso Amorodo é das súas orixes. “Vendo morrer o rural síntome mal. Onde antes había un monte, un centro comercial, onde antes había sustento, un negocio capital”, así o explica nun dos seus temas, Tándem. Porén, é consciente das dificultades que pode supoñer a creación dende lugares onde as posibilidades son menores. “Cando non tiña coche tiña que ir a Vigo en autobús dúas horas para poder gravar. Ademais nas cidades tes máis oportunidades á hora de coñecer xente”. A pesar disto, quere transmitir a mensaxe de que dende o rural tamén se pode crear e chegar a moita xente, independentemente das circunstancias.

Pero ademais do rural, as súas letras están cheas de reivindicacións como o galego. Defende o uso da nosa lingua nas cidades, sendo el consciente de que os seus primeiros anos de escola en Vigo foron en castelán. 

Amorodo ten 21 anos, e todo un futuro por diante. No seu currículo xa figura o 4º posto na primeira competición “Ceibarimas” de rap improvisado en galego e gañador do XXV Certame a Pipa na categoría de poesía xuvenil. Vén de graduarse como Enxeñeiro da Enerxía, e os seus plans para o futuro son atopar un traballo estable, que lle permita ter a música e a literatura como un dos seus hobbies, o que sempre lle gustou dende neno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta