O TSXG avala a prohibición de reunións de madrugada entre non conviventes e as limitacións durante o día

O Tribunal sinala no seu auto que as medidas son "proporcionadas" e que responden "a unha situación clara de incremento do virus".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a manter a limitación, en toda a comunidade autónoma, do número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados --seis, en interiores; e dez, en exteriores--, así como a prohibir encontros con non conviventes entre as 03,00 horas e as 06,00 horas da madrugada.

Así o informou o Tribunal a través dun comunicado no que sinalaron que os xuíces, "tras examinar o informe da Consellería de Sanidade", consideran que as medidas propostas son "idóneas, necesarias e proporcionadas" e que "responden a unha situación clara de incremento no virus".

Deste xeito, as restricións, agora avaladas polo Tribunal Superior de Xustiza, entrarán en vigor a partir deste sábado 07 de xullo, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) este pasado xoves.

Os maxistrados entenden que as limitacións "non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida polos mozos, másproclives ao contacto social".

É por este motivo, que a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG tamén avalou a decisión da Xunta de ascender de nivel de risco a determinados municipios nos que empeorou a evolución do virus.

RESTRICIÓNS

Segundo as últimas decisións, ademais da prohibición de reunións de madrugada e a limitación durante o resto do día, os concellos en nivel máximo e alto deberán pechar os locais de lecer nocturno e os seus locais hostaleiros verán reducido o seu aforamento ao 30% e 50%, respectivamente, con obrigatoriedade de certificado covid-19.

Os veciños de concellos de nivel medio disporán de locais de hostalaría, sen necesidade de certificados, ao 50% da súa capacidade. Onde si necesitarán certificados é para o lecer nocturno, que abre ata as 3,00 horas. Ademais, as reunións de non convivientes entre as 3,00 e as 6,00 horas están prohibidas, mentres que durante o resto de día, deberán ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

No nivel medio-baixo --para o resto de municipios--, a hostalaría estará a un 100% de aforamento en terrazas e 50% en interior, sen necesidade de certificados; mentres que o lecer nocturno abre ata as 3,00 horas, coa obrigatoriedade de presentar certificados. As reunións de non convivientes entre as 3,00 e as 6,00 horas están prohibidas, e para o resto de horas, deberán ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

"INCREMENTO PREOCUPANTE"

Para o seu aval, o tribunal apoiouse no informe técnico remitido polo comité clínico, así como nos gráficos cos datos de contaxios de cada municipio presentados pola administración autonómica, que para a audiencia "amparan as limitacións propostas", posto que revelan "un preocupante incremento na transmisión da infección".

O documento especifica que entre o 20 e o 26 de xullo realizáronse 82.881 probas diagnósticas -52.501 PCR e 30.480 de antíxenos-, cunha porcentaxe de positividade a sete días do 12,51 %, o que supón un aumento do 16% respecto do test realizados entre o 13 e o 19 de xullo. O informe tamén reflicte que a incidencia acumulada a sete e 14 días foi de 294 e 628 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente.

Con todo, contra o auto cabe presentar recurso de casación ante do Tribunal Supremo.

Terrazas de bares da Coruña o mesmo día en que entraron en vigor novas medidas na hostalaría galega, a 8 de maio de 2021
Terrazas de bares da Coruña o mesmo día en que entraron en vigor novas medidas na hostalaría galega, a 8 de maio de 2021 | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta