Xornadas de ata 30 horas no Hospital de Ferrol: a "falta de previsión" do Sergas leva as UCI ao "límite"

Sanitarios do CHUF volven alzar a voz ante o "colapso" das Unidades de Coidados Intensivos e contra a "falta de previsión" por parte da Xerencia. Os recursos materiais e persoais cos que contan abarcan un total de “dez camas UCI”, mais o número de persoas ingresadas supera de forma "habitual" esta cifra.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As chamadas de atención ao Sergas pola súa xestión das Unidades de Coidados Intensivos en Galicia non deixan de sucederse. “Estamos xa na quinta onda da pandemia e parece que todo isto empezara onte. Non hai previsión e sempre imos por detrás do problema. Enfrontámonos cada día a un ‘amáñate como poidas’”. No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), o persoal sanitario e de enfermaría denuncia, unha vez máis, atoparse nunha situación “límite” ante o incremento de pacientes Covid que precisan ingresar nestas unidades e logo de que a xerencia pechara ata dúas delas por “falta de persoal” e para instalar un robot, segundo veñen indicando os profesionais ao longo destes meses.

Uci dun hospital con sanitario e paciente
Uci dun hospital con sanitario e paciente | Fonte: EP

Esta quinta onda da pandemia está impactando na presión hospitalaria do país, aínda que en menor medida con respecto ás vagas anteriores polos efectos da campaña de vacinación na poboación, que consegue modificar as curvas dos indicadores máis graves da pandemia. Os datos ratifícano: se comparamos o nivel de hospitalizacións da vaga posterior ao Nadal con estoutra vaga de verán, que xa comeza a dar signos de se ralentizar, podemos observar que na primeira os hospitais galegos alcanzaran as 1.500 persoas ingresadas de forma simultánea coa Covid, una cifra que agora é cinco veces inferior, ao rexistrar os hospitais un máximo dunhas 300 persoas ingresadas. Concretamente nas UCIs, esta redución tamén se nota: de ata 250 persoas en críticos logo do Nadal a medio cento delas agora. 

O "TETRIS" DE BUSCAR CAMAS PARA OS PACIENTES

Con todo, o aumento da presión hospitalaria que trouxo a variante Delta, unido á xestión das unidades de críticos, moi cuestionada ao longo da pandemia, e a “falta de previsión” por parte da dirección provoca que os profesionais do Hospital de Ferrol se vexan sobrepasados e obrigados a “improvisar” dun día para outro a organización dos seus pacientes coma se dun “tetris” se tratara. Esta é a principal denuncia que traslada a Galicia Confidencial unha fonte que prefire manterse no anonimato para evitar posibles represalias. 

Segundo indica esta persoa, os datos que o Sergas ofrece sobre o número de camas Covid “non son reais”, posto que hai pacientes que, se ben non están infectados deste virus, precisan estar illados polas outro tipo de patoloxías como xermes multirresistentes. Ademais, “cando o Sergas fala de camas”, prosegue o sanitario, “non ten en conta que estas só funcionan se teñen o aparataxe necesario de dotación de intensivos e se hai persoal médico e de enfermaría cualificado suficiente”. “Ti podes dicir que hai 30 camas, pero quen as ve se non hai traballadores?”, explica.

Imaxe da UCI II do CHUF clausurada e co robot Da Vinci nun dos días desta semana
Imaxe da UCI II do CHUF clausurada e co robot Da Vinci nun dos días desta semana | Fonte: remitida

Os recursos materiais e persoais cos que agora mesmo conta o Hospital de Ferrol abarcan un total de “dez camas UCI”, mais o número de persoas ingresadas en coidados intensivos que están manexando estes días é de “máis de 15, nove delas con covid e o resto por outros motivos”, indica esta fonte.  É por isto que se atopan coa “capacidade de UCI normal revasada”.

No momento máis duro da pandemia engadíronse as camas das chamadas UCI II e UCI III a modo de espazos habilitados de urxencia para dar resposta á emerxencia sanitaria, mais sen que esta medida implicara aumento de persoal ningún, segundo comenta o sanitario en conversa co Galicia Confidencial. "Daquela tiveran que tirar dos anestesistas, porque só hai persoal para atender dez camas". Os pasados meses de xuño e xullo, tal e como recolleu este xornal, estas unidades pecharon; unha delas para “instalar un robot” e outra precisamente por “falta de traballadores”, segundo informaron os sanitarios, que xa entón alertaban de que o incremento da transmisión da enfermidade da man da variante Delta podería deixar o CHUF nunha situación de dificultade: “O que vai pasar é que imos quedar sen camas”, dicían xa daquela.

CIRURXÍAS APRAZADAS

Esta semana tivo que volver abrirse unha destas unidades; pero ademais, os sanitarios do Hospital de Ferrol indican que se ven na obriga de utilizar como UCI convencional - para os pacientes ‘limpos’ de Covid - a unidade de reanimación do clínico. “Volcar os doentes neste espazo implica aprazar operacións, porque non se pode operar se non existe unha cama en reanimación dispoñible para esa persoa. Sete doentes en reanimación son sete cirurxías aprazadas”, indica o profesional.

Isto suma outro problema máis: “Os cirurxáns e anestesistas que programan o seu traballo e citan os doentes non saben cantas persoas máis se van ter que ingresar en reanimación durante as gardas; de forma que ás veces teñen que desfacer o parte cando chegan pola mañá”, co conseguinte prexuízo que iso pode provocar nas persoas citadas para operación. Se ben agora non conta co dato actual, esta fonte informa que a comezos de semana si tiveron que suspenderse cirurxías pola "saturación" do hospital.

XORNADAS LABORAIS DE ATA 30 HORAS

“Traballar así é complicadísimo; constantemente coa presión de non ter sitio, de non saber como vas poder xestionar o día”, recoñece o sanitario, que ve como o cansazo vai podendo con el e cos seus compañeiros logo de tantos meses de pandemia: “Estamos queimados, e enfermaría está ata arriba e máis alá”, zanxa. “Temos que dobrar quendas porque se non, directamente, non chegamos. A unha persoa que está na UCI, ou a atendes, ou morre. Aquí non hai termos medios”. Este profesional explica que traballa xornadas de ata trinta horas seguidas ao ter que empatar gardas de 24 horas coa carga de traballo da mañá seguinte. “Se non facemos así non somos capaces de ver a todos os pacientes. Hai que ter en conta que os que están en UCI necesitan ata unha hora e pico de atención. Ultimamente estamos a travallar día si e día non para logo poder coller vacacións”.

Ante estas queixas, a Xerencia só lles remite que “a culpa é dos profesionais por ingresar demasiados doentes”, indica o sanitario. “É de coña, aínda por riba de todo, ter que escoitar este tipo de cousas”, prosegue. Un dos momentos máis críticos que viviu o Hospital de Ferrol tivo lugar cando a dirección decidiu trasladar pacientes covid ao hospital Lucus Augusti de Lugo, a mediados de xaneiro deste ano. Sobre este episodio, o profesional explica que a Xerencia “debera ter chegado a un acordo con nós, porque non estamos obrigados a levar os doentes fóra da nosa área sanitaria”, mais isto, “non aconteceu nunca”, relata. “Cando fixemos estes traslado dicían que nolo pagarían con tempo, cunha mañá libre, por exemplo. Sóanos a cachondeo. Non hai tempo, non hai persoal, débennos as libranzas de hai dous anos”

Ante unha situación “límite” coma esta, sanitarios do Hospital de Ferrol piden que a dirección sente con eles para falar. “Nós queremos unha previsión. Saber que facer se vén unha onda que pode revasarnos”, resume o sanitario. “O que botamos en falta é que os directivos dean solucións e non problemas. Todas as ondas nos collen de sopetón, coma se a pandemia empezara hoxe”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta